Amosando publicacións coa etiqueta arousa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arousa. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de febreiro de 2020

DECADENCIA INDUSTRIAL DE VILAXOÁN



DECADENCIA INDUSTRIAL DE VILAXOÁN
Vilaxoán floreceu social e economicamente ao longo da súa historia en diversas etapas, en especial coa industria da salgadura a partir de mediados do século XVIII. O historiador Antonio Meijide Pardo comentaba no seus escritos: que os rexistros alfandegueiros a principios do século XIX o porto de Vilaxoán era a “principalisima” base exportadora de toda a Ría de Arousa de sardiña salgada con 17 fábricas de salga.
Traballadoras en COINBA nos anos 70
Outro acontecemento importante foi cando o día 28 de setembro de 1919, fúndase o Pósito Pescador (Confraría) acadando un organismo que daba oportunidade aos mariñeiros de axuda social e sanitaria. Logo en diversas etapas do século XX foron pasando de certos letargos dos que, en ocasións custou despertar, houbo momentos da vila de relucir todo o seu esplendor coas industrias do mar. Pipla, Costas e Millán, Peña, Pita, sen esquecer a Atlántica aínda que era fundición e mecánica, chegou a ter moita connotación co mar fabricando bateas de flotadores de ferro; industrias que na actualidade xa no existen. Esta empresa Atlántica nos anos 70, daba emprego a más de cen traballadores sendo o seu momento álxido en consonancia co ascenso da construción naval en Galicia. Porén, a reconversión do sector dos anos 80, motivada polos acordos da entrada en España na UE, resultou letal para os seus intereses e tivo que pechar.


A esquerda COINBA. Centro, Costas e Millán e dereita Atlántica coa súa inconfundible chimenea. Preguntoiro
Agora na actualidade a única que queda de salgadura COINBA, atópase en concurso de acredores, onde o seu futuro é incerto, ante isto as perspectivas non son nada boas e se desaparece esta industria, todo o tecido fabril de Vilaxoán queda en cero patatero, dando a situación dun pobo pantasma.
Preparando a botadura
COINBA ten a súa orixe dunha factoría de salgadura que comezou a finais do século XIX por Andrés Rodríguez de Dios que nacera en Palmeira en 1855 e falecera en Vilaxoán en 1938, sendo o seu fillo José Rodríguez Bernárdez (finara en Vilaxoán en 1952) o continuador desta industria ata hoxe. José Rodríguez foi un dos que trataron en Madrid con Xesús Somoza e Francisco Santos de acadar o Pósito Pescador en 1919.

Finais dos anos 60, botadura dunha batea da Atlántica
no Preguntoiro.

COINBA nos anos 1967 ao 71 experimentou o seu mellor momento, eran exportadores a Brasil, Puerto Rico, Portugal .......e cando o traballo era manual chegou a ter a 100 traballadores en plantilla. Ou sexa, con COINBA pode rematar unha grande historia de Vilaxoán.
Porén, coido que pode haber unha pequena esperanza que isto non se materialice nunha desfeita de remate da bacaladeira. Dígoo con moita cautela, en base a uns documentos que teño recentes de un dos accionistas, onde fala de que pode ter viabilidade a fábrica sempre que haxa acordo.
Coido que atopámonos nun momento crucial moi negativo da historia de Vilaxoán. ¿ou seguiremos de enterro en enterro?.
Teo Cardalda F.



venres, 12 de agosto de 2016

Malditos sexan



Malditos sexan
Teo Cardalda F.


Malditos sexan estes terroristas do lume, os activos e pasivos este últimos de pisar moqueta, os que me están a roubar as miñas lembranzas naqueles días de camiñadas con meu avó no monte, en días quentes do estío dos veráns dos anos 60.

Malditos sexan estes bastardos, os que me deixan o monte e a terra queimada onde antano baixo a bóveda da noite chea de estrelas, xogaba cos amigos naqueles veráns onde secaban as corredoiras e camiños abondosos de lameiras no inverno.

Malditos sexan estes ruíns, os que me levaron desta terra xenerosa de altas montañas os tesouros inesgotables da fauna e da flora, que como cofres naturais gardaban riquezas inmensas, os que me levaron o ar fresco e veraniego, o recendo dos pinos, os escolleitos carballos e o relucente verdor dos toxos.

Malditos sexan por vida, os que deixaron a nosa terra de negrume e sen vida, onde antano os mozos e vellos ían gozar nunha clara noite estival embaixo dunha carballeira ao pé dun río, preto do mar de Arousa onde se mesturaba os recendos da salitre coa fragrancia da herba verde, os laurees e centos de plantas da nosa querida flora. Mestura de recendos que xamais volverei a sentir. Todos estes sentimentos do querido monte, da miña terra os levarei sempre nas lembranzas ata o final da miña vida.
Malditos sexan para sempre, os que intentan trocar os meus valores, agora cada vez teño máis. Non quero escoitar o ruído dunha escavadora, dunha encofradora. Non quero cheirar o cemento e dáme sarabullo cando o toco; o formigón e o ladrillo a miña mente o rexeita.
Malditos sexan estes perversos, que lle prenden lume a nosa terra, aos nosos montes. Oxalá os seus netos cheguen a bailarlles enriba da súa tumba.
Remato con un verso de Federico García Lorca onde fala das “ pavesas”, que son os restrollos das cousas que arderon e que aínda non caeron no chan, aínda non son cinza, teñen un voo moi paseniño, pero teñen un destino fatal.

Mujeres, derramad agua,
por favor;
cuando todo se quema,
solo las pavesas vuelan
al viento.”



luns, 18 de abril de 2016

Tres grandes intelectuais na Vilagarcía de Arousa de principios do século XX


Tres grandes intelectuais na Vilagarcía de Arousa de principios do século XX.

Xabier del Valle-Inclán e Teo Cardalda F.

Isto é  un traballo de pescuda no 150 aniversario do nacemento de Ramón del Valle-Inclán, onde relátase as abondosas estancias do universal escritor dos esperpentos cos seus amigos : o escritor guatemalteco Gómez Carrillo e o xornalista galego Vicenti.


















venres, 25 de marzo de 2016

LEMBRANDO A MANUEL MARÍA EN VILAXOÁN,1998



Teo Cardalda F.


LEMBRANDO A MANUEL MARÍA EN VILAXOÁN,1998


O Día das Letras Galegas de 2016 estará dedicado a Manuel María 

Desde este humilde blog quero facerlle unha homenaxe a este home bo e xeneroso. Que mellor que lembrar aquel día das Letras Galegas no Fogar do Pescador en Vilaxoán de Arousa en 1998.
Manuel María estivo arroupado por unha morea de poetas de Galicia.
Poetas que veñen na portada do libro que se editou ese día cun feixe de poemas dos que estiveron en Vilaxoán. "O Cancioneiro e o mar", título do libro, vai coa ilustración do pintor Xurxo Alonso.
Foi todo un luxo para Vilaxoán o traer a toda unha representación da cultura de Galicia. Foi un grande honor para Carmen Mariño e para min (ela  como presidenta do Fogar do Pescador e eu como delegado de cultura) o ter que presentalos no acto. Tiñamos a sensación que estabamos soñando, agora co paso do tempo a realidade a lembramos con moito sentimento e nostalxia. Non podo esquecer ao artífice,  colaborador efectivo para o Fogar do Pescador neste grande evento ao poeta e escritor, ante todo amigo e camarada,  xa finado, Gonzalo Bouza-Brey Villar.












A Quenlla cantando "O Carro", poema de Manuel María e musicado por Baldomero Iglesias (Mero). Unha fermosa canción e un grupo admirable. Moi ben por todos vos, Seguide sempre así. Grazas compañeiros.

luns, 21 de marzo de 2016

Unha fala e unha cultura



Unha fala e unha cultura

Teo Cardalda F.

     Ante os ataques que se veñen dando ao idioma galego por parte de institucións e persoas moi significativas. Sendo o  máis triste de todo que,  moitos deles son galegos e nados en Galicia con apelidos ancestrais da nosa aterra. Unha mágoa.


    Temos que recoñecer que o testamento é un acto moi persoal e individual. As derradeiras vontades non soamente reflicten os valores materiais, tamén aparecen indirectamente os nosos valores culturais entre eles o noso idioma; tanto é así que, dos meus antergos recibín esa cultura da nosa lingua e non fixo falla que mo deixaran por escrito. Herdanza da que me sinto moi orgulloso dos meus avós por deixarme un idioma que son as ferramentas que temos para comunicarnos e intercambiar os pensamentos, ideas e emocións da nosa terra sendo a nosa lingua o máis grande sinal de identidade.
 
 Agora que estamos a vivir unha cruzada en contra das linguas minoritarias do estado español con voces dicindo que o idioma castelán está en perigo e en decadencia. A todos estes agoireiros descendentes de antepasados galegos lles digo que ser galego e falar galego significa respectar ós seus avós, aínda que no testamento só lles deixaran os bens materiais. Ser galego é poder ter a facultade especial de cheirar o mar ao pasar a Canda e o Padornelo cando vimos da meseta e emocionarse ao ollar a neve naqueles fermosos sendeiros nos Ancares. Ser galego é poder sentir e vivir entre montañas sen sentirse pechado, aberto ao mundo. Ollar e escoitar o mar cun sentimento que non atopo palabras para escribir e expresar esas emocións. Galego é sentir que a choiva te limpa e non te molla. Ser galego é ollar con amor a fermosura que temos nos nosos campos cheos de grelos, patacas e outros froitos. Ser galego é alucinar co recendo da herba acabada de cortar. 
   Non se poden sentir todas estas sensacións ao completo se non te expresas falando cos teus compañeiros, amigos ou familiares na nosa lingua galega, sintonizando co mar, co campo e co arredor da terra que te veu nacer falando galego. Agora teño unha oportunidade de facelo por escrito para os meu fillos e netos. Agardo que gocen dos bens  materiais que lles poida deixar, estes bens son pasaxeiros, pero o máis importante é a herdanza da nosa lingua, un ben que non se vende nin se compra pero que a poden gozar toda a súa vida. 
  Pídovos, fillos e netos, que xamais esquezades a nosa fermosa terra e a nosa lingua, que transmitades aos vosos descendentes estas dúas cousas: lingua e terra, bens que vos deixo con moito agarimo e conservádeas como se fora un tesouro, o voso mellor tesouro.

Publicado en Galicia Dixital

luns, 22 de febreiro de 2016

ENTERRO DA SARDIÑA 2016 - VILAXOÁN DE AROUSA




ENTERRO DA SARDIÑA 2016 EN VILAXOÁN DE AROUSA


Con retraso dunha semana por mor das condicións meteorolóxicas, o pasado sábado 20 de febreiro acadamos que saíra a comitiva do Enterro da Sardiña.

As plañideiras estiveron velando na Lonxa desde ás 15 horas, ata que levamos a sardiña en procesión para darlle "córpore incineratum" na Praia do Preguntoiro.

Despois festa rachada ata altas horas da mañanciña.















sábado, 6 de setembro de 2014

51 edicción da travesía a nado do porto de Vilaxoán de Arousa


51 edicción da travesía a nado do porto de Vilaxoán, 23-08-2014

Homenaxe a o Escritor e Poeta Gonzalo Bouza-Brey Villar



Homenaxe a o Escritor e Poeta Gonzalo Bouza-Brey Villar






 Organizado pola AA.VV. Vilaxoán sendo o presidente Ramiro González Mariño.
Gravación: Mister Misto. Organización, Video e arranxos Teo Cardalda Fernández.
Presentación : Xoan Mariño. Interviron : Teo Cardalda F., Xabier del Valle-Inclán, bibliotecario da USC. Bernardo Máiz Vázquez, catedrático de historia. Xosé María Dobarro, Catedrático da Universidade de A Coruña. Xesús Alonso Montero, Catedrático Emérito e Presidente da Real Academia Galega.
Recital poético a cargo dos Mestres do Colexio de Vilaxoán Loli Miramontes e Xabier Vázquez co acompañamento do guitarrista de Vilaxoán José Durán (Jobó).
Actuaron: Teo Cardalda & María Monsonís (Cómplices) e A Quenlla.
Vilaxoán de Arousa, 01-xuño-2013

luns, 15 de xullo de 2013

Cadea Humana en Vilaxoán

Cadea humana en solidariedade coas mulleres da fábrica de conservas CUCA en Vilaxoán de Arousa Video de Arousa TV

martes, 4 de xuño de 2013

GONZALO BOUZA-BREY BEN O MERECE



GONZALO BOUZA-BREY BEN O MERECE
xesus redon abuin
Xesús Redondo Abuín


teo gonzalo revenidasO sábado fun a Vilaxoán. E foi para emocionarme. Estaba cantado que ía emocionarme. Era inevitable. A dicir verdade, xa montei no tren en Santiago emocionado. Porque o xeito de morrer de Gonzalo  foi tan non natural para un militante revolucionario que a min a noticia canalla sentoume coma unha patada na alma. Sóubeno por Teo, amigo seu e meu.
scaleNinguén me negará con razón que morrer como morreu Gonzalo Bouza-Brei é a peor maneira de morrer que pode ter un apóstolo da revolución como era el. O caso é que o sábado todo foron emocións para min en Vilaxoán. Vilaxoán xa é en por el emocionante. E máis beneficiado como está polas ondas do mar de Rianxo. Se será emocionante canto bican as ondas do mar de Rianxo, que o propio Valle fantasiou con que súa nai o pariu no medio e medio da ría entre Vilaxoán e o Caramiñal. Pero é que ademais o sábado todo axudaba a emocionarse no Centro Cultural de Vilaxoán: A Quenlla ó completo; Cómplices ó completo; catro oradores de palabra álxida e dous mestres da declamación. Todos precedidos dunhas palabras emocionadas e emocionantes de Teo. Puxo nelas o corazón. Puxérono todos. Ben se veu. Eu emocioneime moito. E Gonzalo ben o merece.
Graciñas, Teo. Graciñas a todos. Graciñas tamén á asistencia. Que malia xogárnola o Deportivo e o Celta, alí, ata o final ninguén se moveu.

xoves, 28 de febreiro de 2013

Unha morte anunciada, Vilaxoán






Unha morte anunciada

   Teo Cardalda F.


  Ao longo destas catro últimas décadas a vila-porto de Vilaxoán foi perdendo todo o tecido industrial: maquinaria pesada de Atlántica, depuradoras como Pipla, Losada, fábricas de conservas de Costas e Miñán, Peña e agora unha das máis emblemáticas como é a de Pita (Cuca). Soamente coas citadas, a perda de postos de traballo son abondo abraiantes. Quero resaltar a loita que levan nestes intres as mulleres da fábrica Pita que son dignas de eloxio, pola súa constancia e exemplo da defensa dos seus posto de traballo.

   Non soamente foi a industria, senón que o sector primario como é a pesca de baixura foi quedando baixo mínimos e o que toca a parte do mexillón e marisqueo, o sector non están hoxe no seu mellor momento.

   Non encanto, tamén hai que subliñar o abandono por parte dos poderes públicos e políticos en defensa da mellora da vila, xa que a representación que tivemos deses poderes brillou pola súa ausencia. ¿Cales foron as consecuencias?. Falta de apoio de acometer infraestruturas, falta de perspectiva de futuro cara a unha mellora económica. Perspectivas que non se tomaron no seu día, cousa que xa viña dicindo nos anos noventa a Asociación de Veciños de rexenerar as praias, intentando loitar durante unha década por esta infraestrutura, lográndose facer unha parte. A idea era recuperar tódalas praias desde un punto de vista turístico, non era a panacea dos problemas, porén, podería ser o tirón de moitos proxectos cara ao futuro.

   Tamén predominou, unha política negativa de recheos e unha ordenación urbana nefasta e a perda de estamentos oficiais, comezando hai 100 anos co Concello e Xulgado. Como no seu día (primeiros dos anos 60) perdeuse a Casa do Mar e a Escola de Náutica, cando a familia Montenegro doara a casa no Preguntoiro para acometer esas obras. Agora soamente quédanos o Centro de Atención Primaria, pero xa anda o diaño a tentar aos dos despachos para rexeitalo.

   Aquel porto pesqueiro de antano coas súas fábricas de salgadura que logo derivaron en conserveiras, unha importante flota de baixura, unha lonxa das máis importantes da Ría de Arousa, pequenas empresas auxiliares e o valor engadido de todo este tecido primario e industrial, quedou na súa mínima expresión.

   Hoxe, Vilaxoán asemella a un pobo en decadencia, un pobo que atópase agonizando industrial e moralmente, sendo o máis grave a perda de ilusión de moita xente que ve con impotencia esa morte anunciada. Aínda que moitos de nós, quizais no fixemos o posible para evitalo, uns por egoísmo, outros por individualismo e “pasotismo” para loitar por un Vilaxoán mellor, vendo pasar o enterro de lonxe desde as fiestras das  casas e dos bares.
Artigo publicado en La Voz de Galicia



xoves, 14 de febreiro de 2013

Homenaxe a Ramón Soto Mariño (Pimienta)










Homenaxe a Ramón Soto Mariño ( Pimienta)


O día 1 de febreiro ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Vilaxoán, avenida Ramón Patiño
Tivo lugar unha homenaxe ao camarada e amigo Ramón Soto Mariño (Pimienta) falecido nun tráxico accidente no mar de Arousa o día 23 de decembro de 2011.

Interviron Ramón Bueno, Teo Cardalda, Xesús Alonso Montero, Juan Fajardo e parte do grupo A Quenlla. Quero darlle as grazas a todos os que fixeron posible esta Homenaxe, en especial a Xesús Alonso, Mini e Mero e os seu compañeiros do grupo por estar connosco neste acto emotivo
 








VIDEO DO ACTO
 Palabras ditas por Teo Cardalda F. no acto da homenaxe.
    Moi boas noites a todas e todos. Grazas por acompañarnos neste sinxelo e emotivo acto en lembranza de Ramón Soto Mariño (Pimienta).



    Perder un amigo é unha das experiencias máis tristes que unha persoa debe afrontar na vida. Moito máis cando un viviu aquela noite tráxica e fatal. Todos nalgún intre sufrimos a perda dun amigo e camarada e por veces resúltanos moi difícil pensar que esa persoa, con quen compartimos tantos momentos, xa non estará máis na nosa vida.

   É común preocuparse polo amigo que morreu. Podo pensar constantemente nesa persoa, pasar pola mente as circunstancias da súa morte unha e outra vez, pero a súa morte foi inesperada como aciaga e misteriosa. Pero eu nestes intres, non quero coñecer máis os detalles porque coido sinceramente que non engadaría luz ao asunto, senón moitas máis sombras, que xa son demasiado abondosas.


    Ramón, compañeiro de traballo, amigo en tódalas facetas da vida e camarada na loita social e humanista neste mundo cobizoso que esborrallase en corrupción; o mar de Vilaxoán, este mar de Arousa levouno para sempre. Pimienta, era un home que daba o primeiro paso adiante en toda causa solidaria, en defensa do seu Vilaxoán, na Asociación de Veciños onde estivemos xuntos moitos anos, no sindicato, no Partido Comunista e Esquerda Unida organización e ideal que sempre foi fiel que xamais trocou.

   En toda esta andaina Ramón, o facía coa súa propia marca: a sinxeleza e a humildade. Máis tamén, outra das características máis fondas do seu quefacer era a coherencia que amosaba coa súa achega, pousada, obxectiva e con responsabilidade. Aínda agora non me creo que aquela noite cando saímos para o mar ía a ser a súa derradeira singradura. Este mar de Arousa, deixouno sen un sopro de vida. Veu de volta navegando connosco ata terra entre lamentos , choros e queixumes que se escoitaban nos postos de mando dos remolcadores.

   En Vilaxoán seguen chorando os sorrisos e as flores múrchanse, pero sempre navegaran os días no lento navío dos meses e anos coas ondas das lembranzas e co recendo do salitre do Preguntoiro. O día que finou, a brisa fresca deste vento mareiro levoulle o ultimo suspiro, pero Ramón sementou un camiño de solidariedade, amizade e humanidade .

  Ríndolle esta homenaxe e dígolle adeus co puño en alto, polo seu exemplo que danos forza para seguir o seu combate de toda a vida.



Ata sempre camarada.

mércores, 30 de xaneiro de 2013

Homenaxe a Ramón Soto Mariño ( Pimienta)




Homenaxe a Ramón Soto Mariño ( Pimienta)
 
Venres día 1 de febreiro ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Vilaxoán, avenida Ramón Patiño Nº 7
Terá lugar unha homenaxe ao camarada, amigo e compañeiro de traballo
Ramón Soto (Pimienta), falecido nun tráxico accidente no mar de Arousa o día 23 de decembro de 2011. Homenaxe organizado polos camaradas do PCG e Esquerda Unida, partido onde militaba Ramón.