Homenaxe
a Ramón Soto Mariño ( Pimienta)
O día 1 de febreiro ás 20:00 horas
no Centro Sociocultural de Vilaxoán, avenida Ramón Patiño
Tivo lugar unha homenaxe ao camarada e amigo Ramón Soto Mariño (Pimienta) falecido nun
tráxico accidente no mar de Arousa o día 23 de decembro de 2011.Interviron Ramón Bueno, Teo Cardalda, Xesús Alonso Montero, Juan Fajardo e parte do grupo A Quenlla. Quero darlle as grazas a todos os que fixeron posible esta Homenaxe, en especial a Xesús Alonso, Mini e Mero e os seu compañeiros do grupo por estar connosco neste acto emotivo
VIDEO DO ACTO
Palabras ditas por Teo Cardalda F. no acto da homenaxe.
Moi
boas noites a todas e todos. Grazas por acompañarnos neste sinxelo e
emotivo acto en lembranza de Ramón Soto Mariño (Pimienta).
Perder un
amigo é unha das experiencias máis tristes que unha persoa debe
afrontar na vida. Moito máis cando un viviu aquela noite tráxica e
fatal. Todos nalgún intre sufrimos a perda dun amigo e camarada e
por veces resúltanos moi difícil pensar que esa persoa, con quen
compartimos tantos momentos, xa non estará máis na nosa vida.
É común
preocuparse polo amigo que morreu. Podo pensar constantemente nesa
persoa, pasar pola mente as circunstancias da súa morte unha e outra
vez, pero a súa morte foi inesperada como aciaga e misteriosa. Pero
eu nestes intres, non quero coñecer máis os detalles porque coido
sinceramente que non engadaría luz ao asunto, senón moitas máis
sombras, que xa son demasiado abondosas.
Ramón, compañeiro de traballo, amigo en tódalas facetas da vida e camarada na loita social e humanista neste mundo cobizoso que esborrallase en corrupción; o mar de Vilaxoán, este mar de Arousa levouno para sempre. Pimienta, era un home que daba o primeiro paso adiante en toda causa solidaria, en defensa do seu Vilaxoán, na Asociación de Veciños onde estivemos xuntos moitos anos, no sindicato, no Partido Comunista e Esquerda Unida organización e ideal que sempre foi fiel que xamais trocou.
En toda esta
andaina Ramón, o facía coa súa propia marca: a sinxeleza e a
humildade. Máis tamén, outra das características máis fondas do
seu quefacer era a coherencia que amosaba coa súa achega, pousada,
obxectiva e con responsabilidade. Aínda agora non me creo que aquela
noite cando saímos para o mar ía a ser a súa derradeira
singradura. Este mar de Arousa, deixouno sen un sopro de vida. Veu
de volta navegando connosco ata terra entre lamentos , choros e
queixumes que se escoitaban nos postos de mando dos remolcadores.
En Vilaxoán
seguen chorando os sorrisos e as flores múrchanse, pero sempre
navegaran os días no lento navío dos meses e anos coas ondas das
lembranzas e co recendo do salitre do Preguntoiro. O día que finou,
a brisa fresca deste vento mareiro levoulle o ultimo suspiro, pero
Ramón sementou un camiño de solidariedade, amizade e humanidade .
Ríndolle
esta homenaxe e dígolle adeus co puño en alto, polo seu exemplo que
danos forza para seguir o seu combate de toda a vida.
Ata sempre
camarada.