xoves, 28 de febreiro de 2013

Unha morte anunciada, Vilaxoán






Unha morte anunciada

   Teo Cardalda F.


  Ao longo destas catro últimas décadas a vila-porto de Vilaxoán foi perdendo todo o tecido industrial: maquinaria pesada de Atlántica, depuradoras como Pipla, Losada, fábricas de conservas de Costas e Miñán, Peña e agora unha das máis emblemáticas como é a de Pita (Cuca). Soamente coas citadas, a perda de postos de traballo son abondo abraiantes. Quero resaltar a loita que levan nestes intres as mulleres da fábrica Pita que son dignas de eloxio, pola súa constancia e exemplo da defensa dos seus posto de traballo.

   Non soamente foi a industria, senón que o sector primario como é a pesca de baixura foi quedando baixo mínimos e o que toca a parte do mexillón e marisqueo, o sector non están hoxe no seu mellor momento.

   Non encanto, tamén hai que subliñar o abandono por parte dos poderes públicos e políticos en defensa da mellora da vila, xa que a representación que tivemos deses poderes brillou pola súa ausencia. ¿Cales foron as consecuencias?. Falta de apoio de acometer infraestruturas, falta de perspectiva de futuro cara a unha mellora económica. Perspectivas que non se tomaron no seu día, cousa que xa viña dicindo nos anos noventa a Asociación de Veciños de rexenerar as praias, intentando loitar durante unha década por esta infraestrutura, lográndose facer unha parte. A idea era recuperar tódalas praias desde un punto de vista turístico, non era a panacea dos problemas, porén, podería ser o tirón de moitos proxectos cara ao futuro.

   Tamén predominou, unha política negativa de recheos e unha ordenación urbana nefasta e a perda de estamentos oficiais, comezando hai 100 anos co Concello e Xulgado. Como no seu día (primeiros dos anos 60) perdeuse a Casa do Mar e a Escola de Náutica, cando a familia Montenegro doara a casa no Preguntoiro para acometer esas obras. Agora soamente quédanos o Centro de Atención Primaria, pero xa anda o diaño a tentar aos dos despachos para rexeitalo.

   Aquel porto pesqueiro de antano coas súas fábricas de salgadura que logo derivaron en conserveiras, unha importante flota de baixura, unha lonxa das máis importantes da Ría de Arousa, pequenas empresas auxiliares e o valor engadido de todo este tecido primario e industrial, quedou na súa mínima expresión.

   Hoxe, Vilaxoán asemella a un pobo en decadencia, un pobo que atópase agonizando industrial e moralmente, sendo o máis grave a perda de ilusión de moita xente que ve con impotencia esa morte anunciada. Aínda que moitos de nós, quizais no fixemos o posible para evitalo, uns por egoísmo, outros por individualismo e “pasotismo” para loitar por un Vilaxoán mellor, vendo pasar o enterro de lonxe desde as fiestras das  casas e dos bares.
Artigo publicado en La Voz de Galicia



Ningún comentario:

Publicar un comentario