Unha fala e unha cultura
Teo Cardalda F.
Ante os ataques que se
veñen dando ao idioma galego por parte de institucións e persoas moi
significativas. Sendo o máis triste de
todo que, moitos deles son galegos e
nados en Galicia con apelidos ancestrais da nosa aterra. Unha mágoa.
Temos
que recoñecer que o testamento é un acto moi persoal e individual. As
derradeiras vontades non soamente reflicten os valores materiais, tamén
aparecen indirectamente os nosos valores culturais entre eles o noso idioma; tanto
é así que, dos meus antergos recibín esa cultura da nosa lingua e non fixo
falla que mo deixaran por escrito. Herdanza da que me sinto moi orgulloso dos
meus avós por deixarme un idioma que son as ferramentas que temos para
comunicarnos e intercambiar os pensamentos, ideas e emocións da nosa terra
sendo a nosa lingua o máis grande sinal de identidade.
Agora que estamos a
vivir unha cruzada en contra das linguas minoritarias do estado español con
voces dicindo que o idioma castelán está en perigo e en decadencia. A todos estes
agoireiros descendentes de antepasados galegos lles digo que ser galego e falar
galego significa respectar ós seus avós, aínda que no testamento só lles
deixaran os bens materiais. Ser galego é poder ter a facultade especial de
cheirar o mar ao pasar a Canda e o Padornelo cando vimos da meseta e emocionarse
ao ollar a neve naqueles fermosos sendeiros nos Ancares. Ser galego é poder
sentir e vivir entre montañas sen sentirse pechado, aberto ao mundo. Ollar e
escoitar o mar cun sentimento que non atopo palabras para escribir e expresar esas
emocións. Galego é sentir que a choiva te limpa e non te molla. Ser galego é
ollar con amor a fermosura que temos nos nosos campos cheos de grelos, patacas
e outros froitos. Ser galego é alucinar co recendo da herba acabada de cortar.


Publicado en Galicia Dixital