martes, 23 de xullo de 2013

Illa de San Simón

 
 
 
ILLA DE SAN SIMÓN








Xesús Redondo Abuín





P1020142


A Illa de San Simón volve ser a perla do mar das mellores ostras de cantos mares hai. Que nos tempos de crespón e de cera ata as ostras sabían que aquí algo serio pasaba. E vaia se era serio o que aquí pasaba: toda a friaxe do mundo vestía aquí traxe de penado, todo aquí era cadeas, cepos, recontos, requisas, sevicia e morte, aquí imperaba a lei da morte sumaria, da morte sen sequera instrución de causa. Que era a que imperaba en todos os cárceres de Galicia e de España. En todos os cárceres e en todos os lugares. Porque daquela dicir cárcere e dicir lugar era igual. Toda Galicia e toda España eran unha colonia penitenciaria. Toda Galicia e toda España cheiraban a funeraria, a cera e a adro. E agora mesmo teño cravado na memoria a un morto que non o morreron sumariamente aquí, senón que o morreron sumariamente no cárcere de Segovia. A súa cela estaba fronte por fronte a miña. Vino morrer e non lle puiden acudir. O preso chamábase Mario Diego Capote. Era asturiano e comunista. Preso por selo. Morto polo mesmo. O crime foi o 21 de maio de 1969. Tiña un violín. Era músico. O violín era a ferramenta de se traballar a vida. Na prisión tocábao para el e para nós cando lle cadraba e había vagar. Pero aquel día o seu violín calou sumariamente para nunca máis volver tocar: Mario Diego Capote fóísenos sumariamente en sangue. A letal hemorraxia foi a mans du
San Simon

n bárbaro director de cárcere. O médico do cárcere de Soria prescribíralle unha dieta adecuada. Dieta que o tiña en bo estado. En moi bo estado. Pero o bárbaro Director do cárcere de Segovia, un tal Manuel Marques, ordenou aplicarlle sumariamente o rancho xeral. Rancho que sumariamente o sacou da cela que ocupaba cos pés para diante. Si. Matóunolo aquel canalla director a golpe de rancho sumario. O preso Mario Diego Capote estourou cunha descarga sumaria de graxumada. E os dous responsables directos daquel brutal asasinato foron Manuel Marques e Jesús González del Hierro, director de cárcere  e director xeral de cárceres, pero houbo un terceiro criminal: o pequeno fol de veleno ártabro, que esgrimía o fungueiro de abolar as ideas ás primeiras de cambio. Dicir dicía que era apolítico, pero matar mataba como se nada, non toleraba que lle levasen a contraria. Aquel día, meus señores e miñas señoras, escribín para Capote, para o seu violín e máis para min, que realmente foi só para min:
O violín de Capote,
do camarada Mario Diego Capote,
hoxe berra que berra
¡alto aí fillos da noite!
que topastes coas ideas
e nas ideas desta xente que pensa
non fan labor as cadeas;
este corpo ensanguentado
deste home da cadea
se ten que morrer atado
ha ser coa alma ceiba;
que aínda non naceu o ferro
nin naceu o cerralleiro
que ha encadearlle a alma
a un ideal convicto e confeso,
un ideal convicto e confeso
nin morre nin cala:
fala, fala, fala;
por máis morte que haxa,
por máis que haxa cadea:
medra, medra, medra;
e o teu violín hoxe, en lugar de chorar, toca,
camarada Diego,
cousa que te honra e que nos honra,
por máis que os carcereiros non o saiban ou non o queiran saber;
quén me dera tocar a min
igual que toca o teu violín
cando a morrer me toque,
cando a morrer me toque
quén me dera a min, Mario,
os arrestos que hoxe ten o teu violín,
que non sei se os terei;
o que si che digo, Mario,
é que hoxe estou para cuspirlle á cara ó mundo,
ó mundo e á puta que o fixo;
un bico, Mario, un bico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario