Unha fala e unha cultura
Teo Cardalda F.
Ante os ataques que se
veñen dando ao idioma galego por parte de institucións e persoas moi
significativas. Sendo o máis triste de
todo que, moitos deles son galegos e
nados en Galicia con apelidos ancestrais da nosa aterra. Unha mágoa.
Temos
que recoñecer que o testamento é un acto moi persoal e individual. As
derradeiras vontades non soamente reflicten os valores materiais, tamén
aparecen indirectamente os nosos valores culturais entre eles o noso idioma; tanto
é así que, dos meus antergos recibín esa cultura da nosa lingua e non fixo
falla que mo deixaran por escrito. Herdanza da que me sinto moi orgulloso dos
meus avós por deixarme un idioma que son as ferramentas que temos para
comunicarnos e intercambiar os pensamentos, ideas e emocións da nosa terra
sendo a nosa lingua o máis grande sinal de identidade.
Agora que estamos a
vivir unha cruzada en contra das linguas minoritarias do estado español con
voces dicindo que o idioma castelán está en perigo e en decadencia. A todos estes
agoireiros descendentes de antepasados galegos lles digo que ser galego e falar
galego significa respectar ós seus avós, aínda que no testamento só lles
deixaran os bens materiais. Ser galego é poder ter a facultade especial de
cheirar o mar ao pasar a Canda e o Padornelo cando vimos da meseta e emocionarse
ao ollar a neve naqueles fermosos sendeiros nos Ancares. Ser galego é poder
sentir e vivir entre montañas sen sentirse pechado, aberto ao mundo. Ollar e
escoitar o mar cun sentimento que non atopo palabras para escribir e expresar esas
emocións. Galego é sentir que a choiva te limpa e non te molla. Ser galego é
ollar con amor a fermosura que temos nos nosos campos cheos de grelos, patacas
e outros froitos. Ser galego é alucinar co recendo da herba acabada de cortar.
Non
se poden sentir todas estas sensacións ao completo se non te expresas falando
cos teus compañeiros, amigos ou familiares na nosa lingua galega, sintonizando
co mar, co campo e co arredor da terra que te veu nacer falando galego. Agora
teño unha oportunidade de facelo por escrito para os meu fillos e netos. Agardo
que gocen dos bens materiais que lles
poida deixar, estes bens son pasaxeiros, pero o máis importante é a herdanza da
nosa lingua, un ben que non se vende nin se compra pero que a poden gozar toda
a súa vida.
Pídovos, fillos e netos, que xamais esquezades a nosa fermosa terra
e a nosa lingua, que transmitades aos vosos descendentes estas dúas cousas:
lingua e terra, bens que vos deixo con moito agarimo e conservádeas como se
fora un tesouro, o voso mellor tesouro.
Publicado en Galicia Dixital
Publicado en Galicia Dixital