Amosando publicacións coa etiqueta teo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teo. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de marzo de 2018

Liberdade de Expresión



Desde o Preguntoiro

Liberdade de Expresión
  Teo Cardalda F.

     Coido que estamos ante unha involución da democracia e isto é moi perigoso, este é un goberno que está máis ao carón dunha ditadura  e cando un non mamou da leite da democracia, só nos queda unha ditadura disfrazada de democracia.


   O acto de censura ao recoñecido artista Santiago Segura, un feito de moita gravidade que non se coñece desde fai trinta e seis anos de vida desta “Feria Internacional de Arte Contemporáneo”. 

Por primeira vez na súa historia, unha obra de arte foi descolgada por orde de IFEMA, entidade organizadora da feira por “motivos políticos”. Esta falcatruada de censura concordou con outro ataque a liberdade de expresión: a ratificación polo Tribunal Supremo da condena de tres anos e medio de cadea ao rapero Valtonyc por inxurias á Coroa e enaltecemento do terrorismo. E por último o secuestro xudicial do libro “Fariña” do xornalista Nacho Carretero trala denuncia dun exalcalde. Este feitos son moi preocupantes sobre o estado da liberdade de expresión e a inseguridade xurídica ante as reformas improvisadas do Código Penal feitas polo PP e coa colaboración do PSOE.
  
   Están a rachar con todos os esquemas habidos e por haber deste país que camiña a ningures ao mando de prohomes salvadores de patrias podrecidos e fachendosos borbónicos. Porén, seguimos con esa lei”mordaza”, á que todos do arco parlamentario vían como unha lei retrógrada cando foi aprobada polo “rodillo” do PP en maioría, agora ante estas falcatruadas cavernícolas, non son tan urxentes para a súas señorías para comezar a tramitar a derogación desa lei e escaravellar nos sumidoiros cheo de ratas que seguen podrecendo o sistema. ¿ou aínda seguen de vacacións de Nadal?. ¿Ou agardamos a Estrasburgo para rematar con tanta lei retrógrada?.
   
   Non esquezamos, que o pacto que asinaron Rajoy e Sánchez para implantar a cadea perpetua, que como é anticonstitucional a meteron por debaixo da porta cun eufemismo “prisión permanente revisable”. Logo o PP coa Lei de Seguridade Ciudadana (Lei Mordaza), que converteu en inimigos a quen protestaban, Continuou cunha cavernícola e dura reforma penal e agora imos (se ninguén os para) dereitos a un sistema autoritario, que penaliza ao disidente político castigado. Isto sempre se podía agardar dun PP herdeiro sociolóxico do franquismo, pero atopou co apoio dun PSOE colaboracionista. ¿De que ten medo a xustiza española?. ¿Alguén podería explicar porqué é posible nun país da EU sen fronteiras ser inocente nun lugar de Europa e non selo neste pais de pandeiro e borbónico?
   
   Namentres nos entreteñen con himnos, bandeiras, culebróns que non rematan e aparecendo proxectos de “Producións Corruptas”, información manipulada, interesada que cada día xa ben feita e cociñada, principalmente da TVE pública que asemella ao NODO.

luns, 21 de marzo de 2016

Unha fala e unha cultura



Unha fala e unha cultura

Teo Cardalda F.

     Ante os ataques que se veñen dando ao idioma galego por parte de institucións e persoas moi significativas. Sendo o  máis triste de todo que,  moitos deles son galegos e nados en Galicia con apelidos ancestrais da nosa aterra. Unha mágoa.


    Temos que recoñecer que o testamento é un acto moi persoal e individual. As derradeiras vontades non soamente reflicten os valores materiais, tamén aparecen indirectamente os nosos valores culturais entre eles o noso idioma; tanto é así que, dos meus antergos recibín esa cultura da nosa lingua e non fixo falla que mo deixaran por escrito. Herdanza da que me sinto moi orgulloso dos meus avós por deixarme un idioma que son as ferramentas que temos para comunicarnos e intercambiar os pensamentos, ideas e emocións da nosa terra sendo a nosa lingua o máis grande sinal de identidade.
 
 Agora que estamos a vivir unha cruzada en contra das linguas minoritarias do estado español con voces dicindo que o idioma castelán está en perigo e en decadencia. A todos estes agoireiros descendentes de antepasados galegos lles digo que ser galego e falar galego significa respectar ós seus avós, aínda que no testamento só lles deixaran os bens materiais. Ser galego é poder ter a facultade especial de cheirar o mar ao pasar a Canda e o Padornelo cando vimos da meseta e emocionarse ao ollar a neve naqueles fermosos sendeiros nos Ancares. Ser galego é poder sentir e vivir entre montañas sen sentirse pechado, aberto ao mundo. Ollar e escoitar o mar cun sentimento que non atopo palabras para escribir e expresar esas emocións. Galego é sentir que a choiva te limpa e non te molla. Ser galego é ollar con amor a fermosura que temos nos nosos campos cheos de grelos, patacas e outros froitos. Ser galego é alucinar co recendo da herba acabada de cortar. 
   Non se poden sentir todas estas sensacións ao completo se non te expresas falando cos teus compañeiros, amigos ou familiares na nosa lingua galega, sintonizando co mar, co campo e co arredor da terra que te veu nacer falando galego. Agora teño unha oportunidade de facelo por escrito para os meu fillos e netos. Agardo que gocen dos bens  materiais que lles poida deixar, estes bens son pasaxeiros, pero o máis importante é a herdanza da nosa lingua, un ben que non se vende nin se compra pero que a poden gozar toda a súa vida. 
  Pídovos, fillos e netos, que xamais esquezades a nosa fermosa terra e a nosa lingua, que transmitades aos vosos descendentes estas dúas cousas: lingua e terra, bens que vos deixo con moito agarimo e conservádeas como se fora un tesouro, o voso mellor tesouro.

Publicado en Galicia Dixital