Amosando publicacións coa etiqueta vilaxoan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vilaxoan. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de maio de 2020

O barrio das cazoladas milagreiras

O barrio das cazoladas milagreiras

Publicado en Galicia Dixital

O Barrio dos Milagres (Salamanca) da cidade do oso e o madroño saíu á rúa para defender á Isabel la Breve. O "Marqués de Cantalapiedra y Torrenegra" xa estaba preparado para saír, comunicando aos seus veciños dos pisos de 300 metros cadrados que, o día anterior estivera con Sor Patrocinio a asesora do Pazo da Porta do Sol para facer unha cazolada ao berro de "liberdade". O seu veciño máis preto o Duque de Fontequente y Barreno lle comentou se podía levar con el á "chacha" para non ter que tocar a cazola, o Marqués de Cantalapiedra lle dixo que non tería inconveniente, xa que el levaría a Francisquito o seu chofer para levar con el o pau de golf e bater con el as sinais e o que fixera falla.

A duquesa consorte de Fontequente ía de brazo coa súa sobriña Carlota, as dúas cuns traxes de impresión, a duquesa cun vestido de festa Loewe e a nena cun vestido axustado Gucci e bandeira axustada ao pescozo.

Na rúa xa estaban todos, condes, duques, marqueses, aos que Valle-Inclán na súa obra "La Corte de los Milagros" lles chamaba: "palaciegos", "perdularios", "valentones" e "jaques". Andando pola rúa, o Marqués de Cantalapiedra atopouse cos novos residentes do milagreiro barrio, xente rentista e financeira, a nova clase social que non teñen título nin nomes compostos, porén, teñen financeiras de fondos voitres que rouban ao pobo e iso é o que conta.

Por alí xa estaban os mozos, fillos, netos e achegados, toda a tropa "revolucionaria" xuvenil ao que Don Ramón na mesma obra lles chamaba: "juvenil cuadrillla de chulos parásitos", "jaques marchosos" e "aristócratas tronados". No percorrido a xuventude "revolucionaria" ían falando e outros berraban, que querían ir ao Clube de Golf e ao chelet de papá da Costa do Sol e Galicia.

Todos eles xuntos e non revoltos acadou ser moi bonito atoparse cos amigos, achegándose uns a outros cada vez máis co risco que iso implicaba, incumprido as normas gobernamentais. Que máis da, a eles ninguén lles tose, son os elixidos para salvar o país. Son os salvadores de patrias e patriotas de postal de paraísos fiscais.

Aqueles que sempre pediron man dura contra os demais fan o que lles peta. Os mesmos que acusan ao goberno de irresponsable piden "liberdade"... pero a súa. A nosa, a da xente do común, lles importa unha bosta espichada nun pau. Os mesmos que están pedindo loito oficial queren facer deste país un velorio perpetuo poñendo en risco a vida dos demais pasando as normas por os seus cataplines. Porén, intentan enganar con sentimentalismo, demagoxia barata e cazoladas.

Que controlaremos e erradicaremos este coronavirus, sen dúbida que será así. O virus que no podemos erradicar é este fascio barato, a ignorancia, o egoísmo, e a estupidez humana. Cando toda esta xente sae das cavernas a facer esta farsa na rúa, quere dicir que o goberno o está facendo ben.

Publicado en Galicia Dixital

Teo Cardald.a F

sábado, 29 de febreiro de 2020

DECADENCIA INDUSTRIAL DE VILAXOÁN



DECADENCIA INDUSTRIAL DE VILAXOÁN
Vilaxoán floreceu social e economicamente ao longo da súa historia en diversas etapas, en especial coa industria da salgadura a partir de mediados do século XVIII. O historiador Antonio Meijide Pardo comentaba no seus escritos: que os rexistros alfandegueiros a principios do século XIX o porto de Vilaxoán era a “principalisima” base exportadora de toda a Ría de Arousa de sardiña salgada con 17 fábricas de salga.
Traballadoras en COINBA nos anos 70
Outro acontecemento importante foi cando o día 28 de setembro de 1919, fúndase o Pósito Pescador (Confraría) acadando un organismo que daba oportunidade aos mariñeiros de axuda social e sanitaria. Logo en diversas etapas do século XX foron pasando de certos letargos dos que, en ocasións custou despertar, houbo momentos da vila de relucir todo o seu esplendor coas industrias do mar. Pipla, Costas e Millán, Peña, Pita, sen esquecer a Atlántica aínda que era fundición e mecánica, chegou a ter moita connotación co mar fabricando bateas de flotadores de ferro; industrias que na actualidade xa no existen. Esta empresa Atlántica nos anos 70, daba emprego a más de cen traballadores sendo o seu momento álxido en consonancia co ascenso da construción naval en Galicia. Porén, a reconversión do sector dos anos 80, motivada polos acordos da entrada en España na UE, resultou letal para os seus intereses e tivo que pechar.


A esquerda COINBA. Centro, Costas e Millán e dereita Atlántica coa súa inconfundible chimenea. Preguntoiro
Agora na actualidade a única que queda de salgadura COINBA, atópase en concurso de acredores, onde o seu futuro é incerto, ante isto as perspectivas non son nada boas e se desaparece esta industria, todo o tecido fabril de Vilaxoán queda en cero patatero, dando a situación dun pobo pantasma.
Preparando a botadura
COINBA ten a súa orixe dunha factoría de salgadura que comezou a finais do século XIX por Andrés Rodríguez de Dios que nacera en Palmeira en 1855 e falecera en Vilaxoán en 1938, sendo o seu fillo José Rodríguez Bernárdez (finara en Vilaxoán en 1952) o continuador desta industria ata hoxe. José Rodríguez foi un dos que trataron en Madrid con Xesús Somoza e Francisco Santos de acadar o Pósito Pescador en 1919.

Finais dos anos 60, botadura dunha batea da Atlántica
no Preguntoiro.

COINBA nos anos 1967 ao 71 experimentou o seu mellor momento, eran exportadores a Brasil, Puerto Rico, Portugal .......e cando o traballo era manual chegou a ter a 100 traballadores en plantilla. Ou sexa, con COINBA pode rematar unha grande historia de Vilaxoán.
Porén, coido que pode haber unha pequena esperanza que isto non se materialice nunha desfeita de remate da bacaladeira. Dígoo con moita cautela, en base a uns documentos que teño recentes de un dos accionistas, onde fala de que pode ter viabilidade a fábrica sempre que haxa acordo.
Coido que atopámonos nun momento crucial moi negativo da historia de Vilaxoán. ¿ou seguiremos de enterro en enterro?.
Teo Cardalda F.



martes, 13 de febreiro de 2018

A Nova Embaixada de Vilaxoán-16 de outubro de 1999


Recuperado do baúl das lembranzas, un anaco de video gravado un pouco deficiente en VHS.
Trátase dunha actuación de A Nova Embaixada de Vilaxoán no Salón García de Vilagarcía o 16 de outubro de 1999.





luns, 22 de febreiro de 2016

ENTERRO DA SARDIÑA 2016 - VILAXOÁN DE AROUSA




ENTERRO DA SARDIÑA 2016 EN VILAXOÁN DE AROUSA


Con retraso dunha semana por mor das condicións meteorolóxicas, o pasado sábado 20 de febreiro acadamos que saíra a comitiva do Enterro da Sardiña.

As plañideiras estiveron velando na Lonxa desde ás 15 horas, ata que levamos a sardiña en procesión para darlle "córpore incineratum" na Praia do Preguntoiro.

Despois festa rachada ata altas horas da mañanciña.















luns, 15 de xullo de 2013

Cadea Humana en Vilaxoán

Cadea humana en solidariedade coas mulleres da fábrica de conservas CUCA en Vilaxoán de Arousa Video de Arousa TV

sábado, 9 de marzo de 2013




Desde o Preguntoiro     
Teo Cardalda F.
Patético Centenario

    A historia oficial da anexión do Concello de Vilaxoán non reflicte toda a verdade do acontecido, tendo moi claro que naquelas datas da Restauración de 1913 o pobo non pintaba ren, todo fíxose ás súas costas; foi un fito histórico de como non deben facerse as cousas. A verdade é moi relativa, pero pódese achegar a ela polo camiño do que dita o pobo.

   Pasados cen anos, volvemos a repetir a historia, caciques en 1913, caciques 2013. Non se pode celebrar un Centenario coa ausencia do pobo, sen falar cos colectivos que representan unha comunidade como Vilaxoán que antano foi Concello, tratar de limar moitas sensibilidades, corrixir erros e suspicacias e non facer todo o contrario botando gasolina ao lume.

O acto foi patético, todo fíxose ás costas do pobo, para máis inri, o fixeron dentro do bunker-concello arrodeado de medio cento de policías que parecía un estado de sitio, onde as “autoridades o comeron e beberon eles sós. Fora non estaban os ye-ye, senón os colectivos indignados contra a corrupción e a política de recortes. Era unha “movida” parecida aos dos anos oitenta contra o desmantelamento da industria naval, daquela cantábase “malos tiempos para la lírica” de Golpes Bajos, canción composta por outro fillo indirecto de Vilaxoán Teo Cardalda Gestoso. Non confundamos ye-ye dos anos sesenta e a “movida reivindicativa dos anos oitenta, hai que ilustrarse moi ven musicalmente. O venres pasado cantábase o himno de Vilaxoán o “non hai pan para tanto chourizo” e as mulleres de Cuca: “Non nos moverán” . Seguen sendo malos tempos para a lírica. ¿Existiu o venres pasado algunha diferencia da restauración dos anos 1913 á restauración borbónica de agora?. Soamente sepáranos o tempo e os Audis de alta gama blidados como os que levaban os da Xunta Feijóo e company.

    Non estou en contra dos eruditos historiadores, pero por veces comenten erros sen pensar na idiosincrasia dun pobo como son : emotividade, sentimentalismo e susceptibilidade. Non son historiador, se acaso un mal aficionado, porén, teño abondo lido moitos documentos, escritas e poemas do meu bisavó Francisco Santos Crespo que fora Secretario-Contador do Concello de Vilaxoán, onde levaba as contas, deixándoo moi saneado e con superávit no final do Concello. Foi unha persoa crítica coa anexión e logo defenestrado polo Concello de Vilagarcía pola súa posición. Por iso eu tamén teño sentimentos, emotividade e orgulloso estou por ser o seu bisneto e vilaxoanés de pro. Isto no quere dicir que non estea de acordo nun vindeiro futuro coa concentración de concellos, pero xogar cos sentimentos dunha vila que foi Concello, é intolerable..

     Recomendo a algunha persoa que sexa máis susceptible con Vilaxoán, nada temos que brindar con champan nin temos que xogar ao axente 007; a cousa é moita máis seria do que algún personaxe cre. Moitos dos que estiveron nese “bunker” neste Patético Centenario tiñan que ler a letra dunha sonada canción de Xosé Afonso: “Grándola vila morena - O povo é qem máis ordena”. Ese día ordenou a policía coas ordes da “autoridade” competente e coa complicidade dun partido que tiña que estar co pobo asoballado na rúa. ¿Esta é a “democracia” do ano 2013 ou da de 1913?. Non o teño moi claro, poida ser que eses eruditos da historia aclárenmo sen cambadelas.        

 

xoves, 14 de febreiro de 2013

Homenaxe a Ramón Soto Mariño (Pimienta)










Homenaxe a Ramón Soto Mariño ( Pimienta)


O día 1 de febreiro ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Vilaxoán, avenida Ramón Patiño
Tivo lugar unha homenaxe ao camarada e amigo Ramón Soto Mariño (Pimienta) falecido nun tráxico accidente no mar de Arousa o día 23 de decembro de 2011.

Interviron Ramón Bueno, Teo Cardalda, Xesús Alonso Montero, Juan Fajardo e parte do grupo A Quenlla. Quero darlle as grazas a todos os que fixeron posible esta Homenaxe, en especial a Xesús Alonso, Mini e Mero e os seu compañeiros do grupo por estar connosco neste acto emotivo
 








VIDEO DO ACTO
 Palabras ditas por Teo Cardalda F. no acto da homenaxe.
    Moi boas noites a todas e todos. Grazas por acompañarnos neste sinxelo e emotivo acto en lembranza de Ramón Soto Mariño (Pimienta).



    Perder un amigo é unha das experiencias máis tristes que unha persoa debe afrontar na vida. Moito máis cando un viviu aquela noite tráxica e fatal. Todos nalgún intre sufrimos a perda dun amigo e camarada e por veces resúltanos moi difícil pensar que esa persoa, con quen compartimos tantos momentos, xa non estará máis na nosa vida.

   É común preocuparse polo amigo que morreu. Podo pensar constantemente nesa persoa, pasar pola mente as circunstancias da súa morte unha e outra vez, pero a súa morte foi inesperada como aciaga e misteriosa. Pero eu nestes intres, non quero coñecer máis os detalles porque coido sinceramente que non engadaría luz ao asunto, senón moitas máis sombras, que xa son demasiado abondosas.


    Ramón, compañeiro de traballo, amigo en tódalas facetas da vida e camarada na loita social e humanista neste mundo cobizoso que esborrallase en corrupción; o mar de Vilaxoán, este mar de Arousa levouno para sempre. Pimienta, era un home que daba o primeiro paso adiante en toda causa solidaria, en defensa do seu Vilaxoán, na Asociación de Veciños onde estivemos xuntos moitos anos, no sindicato, no Partido Comunista e Esquerda Unida organización e ideal que sempre foi fiel que xamais trocou.

   En toda esta andaina Ramón, o facía coa súa propia marca: a sinxeleza e a humildade. Máis tamén, outra das características máis fondas do seu quefacer era a coherencia que amosaba coa súa achega, pousada, obxectiva e con responsabilidade. Aínda agora non me creo que aquela noite cando saímos para o mar ía a ser a súa derradeira singradura. Este mar de Arousa, deixouno sen un sopro de vida. Veu de volta navegando connosco ata terra entre lamentos , choros e queixumes que se escoitaban nos postos de mando dos remolcadores.

   En Vilaxoán seguen chorando os sorrisos e as flores múrchanse, pero sempre navegaran os días no lento navío dos meses e anos coas ondas das lembranzas e co recendo do salitre do Preguntoiro. O día que finou, a brisa fresca deste vento mareiro levoulle o ultimo suspiro, pero Ramón sementou un camiño de solidariedade, amizade e humanidade .

  Ríndolle esta homenaxe e dígolle adeus co puño en alto, polo seu exemplo que danos forza para seguir o seu combate de toda a vida.



Ata sempre camarada.

mércores, 30 de xaneiro de 2013

Homenaxe a Ramón Soto Mariño ( Pimienta)




Homenaxe a Ramón Soto Mariño ( Pimienta)
 
Venres día 1 de febreiro ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Vilaxoán, avenida Ramón Patiño Nº 7
Terá lugar unha homenaxe ao camarada, amigo e compañeiro de traballo
Ramón Soto (Pimienta), falecido nun tráxico accidente no mar de Arousa o día 23 de decembro de 2011. Homenaxe organizado polos camaradas do PCG e Esquerda Unida, partido onde militaba Ramón.