sábado, 9 de marzo de 2013




Desde o Preguntoiro     
Teo Cardalda F.
Patético Centenario

    A historia oficial da anexión do Concello de Vilaxoán non reflicte toda a verdade do acontecido, tendo moi claro que naquelas datas da Restauración de 1913 o pobo non pintaba ren, todo fíxose ás súas costas; foi un fito histórico de como non deben facerse as cousas. A verdade é moi relativa, pero pódese achegar a ela polo camiño do que dita o pobo.

   Pasados cen anos, volvemos a repetir a historia, caciques en 1913, caciques 2013. Non se pode celebrar un Centenario coa ausencia do pobo, sen falar cos colectivos que representan unha comunidade como Vilaxoán que antano foi Concello, tratar de limar moitas sensibilidades, corrixir erros e suspicacias e non facer todo o contrario botando gasolina ao lume.

O acto foi patético, todo fíxose ás costas do pobo, para máis inri, o fixeron dentro do bunker-concello arrodeado de medio cento de policías que parecía un estado de sitio, onde as “autoridades o comeron e beberon eles sós. Fora non estaban os ye-ye, senón os colectivos indignados contra a corrupción e a política de recortes. Era unha “movida” parecida aos dos anos oitenta contra o desmantelamento da industria naval, daquela cantábase “malos tiempos para la lírica” de Golpes Bajos, canción composta por outro fillo indirecto de Vilaxoán Teo Cardalda Gestoso. Non confundamos ye-ye dos anos sesenta e a “movida reivindicativa dos anos oitenta, hai que ilustrarse moi ven musicalmente. O venres pasado cantábase o himno de Vilaxoán o “non hai pan para tanto chourizo” e as mulleres de Cuca: “Non nos moverán” . Seguen sendo malos tempos para a lírica. ¿Existiu o venres pasado algunha diferencia da restauración dos anos 1913 á restauración borbónica de agora?. Soamente sepáranos o tempo e os Audis de alta gama blidados como os que levaban os da Xunta Feijóo e company.

    Non estou en contra dos eruditos historiadores, pero por veces comenten erros sen pensar na idiosincrasia dun pobo como son : emotividade, sentimentalismo e susceptibilidade. Non son historiador, se acaso un mal aficionado, porén, teño abondo lido moitos documentos, escritas e poemas do meu bisavó Francisco Santos Crespo que fora Secretario-Contador do Concello de Vilaxoán, onde levaba as contas, deixándoo moi saneado e con superávit no final do Concello. Foi unha persoa crítica coa anexión e logo defenestrado polo Concello de Vilagarcía pola súa posición. Por iso eu tamén teño sentimentos, emotividade e orgulloso estou por ser o seu bisneto e vilaxoanés de pro. Isto no quere dicir que non estea de acordo nun vindeiro futuro coa concentración de concellos, pero xogar cos sentimentos dunha vila que foi Concello, é intolerable..

     Recomendo a algunha persoa que sexa máis susceptible con Vilaxoán, nada temos que brindar con champan nin temos que xogar ao axente 007; a cousa é moita máis seria do que algún personaxe cre. Moitos dos que estiveron nese “bunker” neste Patético Centenario tiñan que ler a letra dunha sonada canción de Xosé Afonso: “Grándola vila morena - O povo é qem máis ordena”. Ese día ordenou a policía coas ordes da “autoridade” competente e coa complicidade dun partido que tiña que estar co pobo asoballado na rúa. ¿Esta é a “democracia” do ano 2013 ou da de 1913?. Non o teño moi claro, poida ser que eses eruditos da historia aclárenmo sen cambadelas.        

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario