luns, 11 de marzo de 2013



E NON OS FENDEU UNHA CHISPA COMO MERECÍAN
xesus redon abuin
Xesús Redondo Abuín
Chegou o Prestige, e xa todo foi noite en Galicia. Noite negra coma a parrumeira. Negrísima. Tan negra negra foi, que o mar, a terra e máis nós, chegamos a pensar que xa nunca máis volvería abrir o día en Galicia. E non era alarmismo. Era realismo. Se o día volveu abrir foi grazas a que o pesimismo da negra realidade empedernida foi vencido polo vigoroso optimismo da vontade colectiva. Foi o voluntariado militante o que obrou o milagre de que volvese abrir o día en Galicia. E moi a pesares das autoridades. Que viñeron aquí vestidos de domingo e a beber o paxariño de demagoxia e de cinismo. Chegou Rajoy, e dixo que só eran así coma simples fiíños de plastilina. E non o fendeu unha chispa. Chegou Trillo, e dixo que as praias estaban esplendorosas. E non o fendeu unha chispa. Chegou Aznar, e dixo que non facíamos máis que andar chorando o noso rancor polas esquinas. E non o fendeu unha chispa. E tamén chegou o Rei. E non foi para dicir “o sinto moito, non volverá a ocorrer”. O que dixo foi “ninguén veña a facerse fotos demagóxicas aquí”. E non lle caeu a cara de vergonza o dicilo como debería. E tampouco a el o fendeu unha chispa. Coa falta que facía.
aznarfederico
corinna rey
rajoy
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario