sábado, 4 de outubro de 2014

O Esperpento da Xunqueira (Vilagarcía de Arousa)




 

O  Esperpento da  Xunqueira

 Teo Cardalda F.

      Non sei que chamarlle ao feito acontecido estes días no Concello de Vilagarcía de Arousa, se esperpento ou  paranoia, aínda que os dous cualificativos válenme. O Alcalde Sr. Fole mandou talar unha morea de árbores no Parque da Xunqueira con aleivosía e case nocturnidade. Coido que o Sr. Alcalde ten metido nos miolos que a cidade é o seu coto privado, o digo pola sinxela razón que non tivo a ética “democrática”  de consultar co pobo e con toda a oposición, alegando que tiña os informes dos técnicos para actuar desa maneira. Ao día de hoxe aínda non presentou ningún informe que avale a súa esperpéntica actuación. 

Non dubido que algunhas árbores puideran estar podres para talar e logo repoñer, pero chegar á desfeita do que se fixo, é de tolos. Foi un acto ditatorial, unha arroutada que recórdame a tempos de “Paca la Culona” (sic).

    Lembro cando o seu xefe que reside en “La Moncloa”, dixo en 2008 que cando el gobernara ía plantar 500 millóns de árbores. Pero como moitos sabemos que todo o seu programa era mentira e seguen facendo todo o contrario do que dixo, o noso Sr. Alcalde  tamén segue o mesmo camiño do cinismo e mentiras, en vez de plantar as árbores os tala. Son semellantes aos pensamentos daquel tolo e xenocida  chamado Bush de tristes recordos, cando dixo:....”para rematar cos incendios tiñamos que talar as árbores”.

    A realidade ao final, cando se tira do fío, sempre descúbrese que detrás de calquera ataque á natureza hai intereses bastardos, aínda que teñan que cargarse parques, bosques, ríos ou especies enteiras.

    Pode ser que o Sr. Alcalde segue co que dicía Rajoy, aquilo de: “raíces profundas de la recuperación “, e ao ver tantos brotes verdes, tirouse  á Xunqueira e liouse como un poseso a talar. !Arredemo para o señorito¡.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario