mércores, 24 de setembro de 2014

Non me considero unha ovella




 

Non me considero unha ovella
Teo Cardalda F.
 

    Preparas a viaxe pola estrada a calquera lugar deste país, ves o consumo de combustible na metade do camiño e observas que tes que cargar o depósito para seguir camiño. Entras na estación de servizo e ninguén ven a atenderme. ¡ Carallo!, doume conta que tes que facer ti o traballo de botar o combustible. Rexeito de facer a recarga (non teño carné de manipulación de combustibles) e voume ata outra estación, onde atopas a unha persoa co seu posto de traballo que me atende moi ben, ou mesmo tempo falamos do tempo e da zona onde estou.
      Son horas de xantar e métome nunha saída cara a un restaurante, entro e vexo a certa cantidade de persoas collendo con bandexas a comida, outra carallada máis, voume  a fume de carozo. Entro en outro e aténdeme unha camareira co seu posto de traballo moi atenta ela, ata nos rimos por unha pequena conversa que tivemos sobre o viño.

   Ante isto, eu non me considero unha ovella ao servizo deste sistema que nos queren impoñer. ¿Cantos postos de traballo se perderon neste país soamente con estes dous exemplos que remato de expoñer?. Moitos, pero o máis triste de todo e que nós mesmos axudamos a esta sangría de falta de traballo.

 Aos meus anos xa non teño tempo de aturar a este sistema neoliberal. Non teño tempo nin tolero a  arribistas, destrutores e envexosos que só tratan de rachar co construído desacreditando ao que fai as cousas ben. Xa non teño tempo para reunións onde fálase do sexo dos anxos, aturar a persoas que quedaron ancoradas no pasado e de lidar coa mediocridade .

   Hoxe estou con amigos doutras épocas, xente humanista e que defende a dignidade humana. Xente que estiveron naquela longa noite de pedra, a quen os golpes fortes da vida os fixeron duros como o aceiro. Non teño tempo para ser unha ovella.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario