domingo, 22 de novembro de 2015

Os Antisistema

Teo Cardalda F.


Despois de decatarme da decisión do General Julio Rodríguez de fichar por Podemos, ao día seguinte comezou a festa da manipulación por parte do Goberno e eses “tertulianos” das ondas que dan noxo escoitalos. 

A vicepresidenta do Goberno Saéz de Santamaría, sae falando de expulsión do exército tratando de desprestixialo, cando o exJEMAD pedira o cese unha semana antes. Estes do PP están perdendo o norte e a vergoña si é que algo lle queda. Porén, tras anunciar o cese do General por Real Decreto manipulando a nova, logo rectificouna dicindo que, o Goberno non pode retirar ao General do Exército, pois xa o fixera el mesmo unha semana antes para poder exercer os dereitos civís como candidato ás eleccións.

A pregunta que me fago é: ¿Que veu este General na nosa sociedade para tomar esta decisión?. Coido que ollou o que moitos estamos vendo, descomposición e podredoiro por parte dos poderes do estado. Penso que involucrase nese proxecto vaille xerar polémicas, enemistades, intranquilidade podendo vivir comodamente coa súa xubilación sen meterse nestas “festas” políticas. Só un home con profundas conviccións e principios, disposto a pasar certos “infernos”, podería facelo, máxime cando foi o maior responsable de Defensa.

E algúns deses “tertulianos”, teñen a cara de acusalo de antisistema, manda carallo na Habana con eses canallas. Os únicos que veñen practicando o antisistema son aqueles que recortaron ás escolas, o saqueo dos nosos hospitais, o asalto ás nosas televisións públicas, dereitos democráticos recuados, recortes asfixiantes á Ciencia e a Cultura, esquecemento das persoas maiores, rescate da banca con 40 mil millóns de euros públicos que non serán recuperados. Disto, estes trampóns e cínicos das ondas televisivas nada din. Son vomitivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario