"Unha cesta de pombas e Mazás para Isaac Díaz Pardo"
Acto cívico de homenaxe no cemiterio de Boisaca (Santiago),
no seu primeiro cabodano
Recitaron: Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodriguez, Claudio Rodriguez Fer, Elena Villar Janeiro
Alocucións: Xesús Alonso Montero, Xosé L. Axeitos, Inma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Fernando Salgado, Xesús Redondo Abuín.
Alocucións: Xesús Alonso Montero, Xosé L. Axeitos, Inma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Fernando Salgado, Xesús Redondo Abuín.
==============================================
Alocución de Xesús Redondo Abuín
PALABRAS DE AMIGO A AMIGO
Xesús Redondo Abuín
Ata ben pouco antes de debruzarse el ó cavorco escuro do nunca máis, no que hai un ano caeu xusto aquí, coincidimos el e eu non poucas veces erguendo a escote, con outros e outras, berros de pedra contra a vil desmemoria e a aínda máis vil desidia que gastan os tres poderes do Estado que deberan ser belixerantes con esta atroz inxustiza: o lexislativo, o xudicial e o gobernativo. O último gran debate no que coincidimos os dous foi na Coruña e versou monograficamente sobre a recuperación da memoria republicana de Galicia. Participamos no mesmo moitos. E non todo foron entre el e eu sintonías. Tamén disentimos. El xa levaba anos definíndose como comunista descrido. E eu non comunguei nin comungarei na vida con ese pé de muíño. E así llo dixen. Agora ben, co respecto debido a un dos nosos grandes de espírito. Só faltaría. Non sería eu quen son se non fose así. Respecto no que me ratifico agora mesmo aquí. Que foron 8 décadas as súas no campo dos descalzos de aquí e de todos os sitios. 8 décadas, que logo se di. E el era sabedor, moi sabedor, do meu respecto e da miña estima. Se sabería el do meu respecto e da miña estima que, á hora da despedida aquel día, achegouse a min e en son deliberadamente amigo díxome: ¡non afrouxes, Abuín! E necesito dicilo aquí e agora clariño: máis alá de puntuais disensións, el foi e será sempre para min un referente esencial entre os fillos ilustres deste noso país de verdor cinguido, queridísimo para el e queridísimo para min. Non polo verdor cinguido da vexetación, non, pola xente que o habita. Mil Isaac Díaz Pardo máis daríanlle a vida a Galicia, daríanlle moito a vida. O día que a historia deste noso queridísimo sitio no que vivimos, se escriba co debido afán de poñer os puntos sobre os is, a figura de Don Isaac Díaz Pardo aparecerá nos libros de texto como o mellor padriño da cultura galega do século XX. Cando iso suceda, que sucederá algún día, estou segurísimo, será chegado o momento de descrer de vez da barbarie capitalista, que o é vístase el como se vista, e de recobrar a fe perdida no comunismo, perdida lamentablemente con motivo, con moito motivo de María Santísima. Pero dito o cal a min úrxeme facer constar que o único que fixemos os comunistas de España e de Galicia non foi senón apandar coa ira do innomeable pistolo da calle María. Eu mesmo teño as miñas cicatrices, digo cicatrices e podería dicir feridas, pero non o digo, digo cicatrices; estas son, velas aquí: catro anos de exilio, un ano secuestrado a mans de Melitón Manzanas e Camilo Alonso Vega, un tiro a queimarroupa que me meteu un Comandante das Garda Civil, da incivil Garda Civil, e un interminable viacrucis de presidio en presidio desde o 15 de setembro de 1968 ata o 10 de decembro de 1975; é dicir, ata 20 días despois de consumarse o impagable favor que nos fixo a todos os descalzos a bendita flebite. Sei que Isaac, o camarada Isaac, está asentindo a canto digo. Grazas, Isaac, polo cartel e pola túa altura moral e de miras. Termino pedíndoche a ti, amigo Isaac, camarada Isaac, o primeiro favor que pido na miña vida: se topases por aí co pequeno fol de veleno da calle María, se o imposible se producise, nin o mires ¡Ata nunca máis, Isaac, ata nunca máis, amigo!
Fotos do Acto