martes, 23 de abril de 2013

PALABRAS PARA UN HEROE DE GALICIA E DE ESPAÑA



PALABRAS PARA UN HEROE DE GALICIA E DE ESPAÑA
 
                     
 xesus redon abuin

 Xesús Redondo Abuín 

    Nomear a Manuel Ponte Pedreira nas casas cuarteis da comarca, e de máis alá da comarca, era nomear a corda na casa do aforcado. Non pensaban noutra cousa: só pensaban en matalo. ¡Morto o can, acabouse a rabia! Era o que pensaban os 500 canallas con cabeza de charón e alma de cabróns que o cribaron a balazos. Se é que os cabróns que o cribaron pensaban. Porque o certo é que o morto o can, acabouse a rabia era o lema do cabrón de cabróns que mandou cribalo. E cribárono. Si. Pero foi para nada. Grazas por morrer sen engruñarte, Ponte, grazas, moitas grazas por perdurar.
   Ó valioso e valoroso xefe guerrilleiro tíñanlla xurada. Había que matalo. Había que matalo canto antes. Custase o que custase. Era a orde dada polo pequeno fol de veleno ártabro. A ética non importaba nada. O de menos era o honor militar. O de máis era matalo. E matárono. Pero, insisto, para nada.
   Ós canallas que o cribaron e ó canalla de canallas que mandou cribalo saíulles o tiro pola culata. Porque a potente figura de Ponte, lonxe de ir a menos de morto, foi a máis, foi a moito máis. Tanto a máis foi que nas casas cuartel, en todas elas, e no propio Pazo do Pardo, quedaron aqueloutrados coa valentía demostrada polas xentes do contorno, e de máis alá do contorno, o día do enterro de Ponte en Fontao. A ira popular era tanta, que se cortaba a navalla naquelas caras.
untitled    Os canallas que o cribaron, e o canalla de canallas que mandou cribalo, querían sementar o pánico en toda Galicia e en toda España. Pero o que conseguiron foi esporear o valor popular. E esporeárono tanto, que o enterro do admirable e admirado Ponte foi o enterro máis multitudinario de cantos se acordaban na comarca.
    Ponte caeu en Fontao o 21 de abril de hai 66 anos a mans de 500 contrarios. 500. Imposible era que se salvase. Pero despois de morto, Ponte seguiu librando batallas. E gañándoas. O seu durmido corazón foi caixa de recrutamento na comarca e máis alá da comarca. Tanto que ó correr a voz de boca en boca, as incorporacións á guerrilla, en lugar de ir a menos, foron a máis, foron a moito máis.
   Da potente pegada da figura de Ponte deu boa proba unha lenda que apareceu gravada a balazos no tronco dun impoñente carballo ancestral. Lenda que era para enmarcar. Velaquí está: ¡Choraron as serras, choraron os toxos e chorou o pan; máis ti, camarada Ponte, segues sendo o capitán!
    Deuse por seguro -polas distintas traxectorias e polos distintos calibres dos proxectís- que a gravación da lenda foi obra de varios, e chegou a correr o rumor de que ó mando da partida que a gravou estaban o propio Gómez Gayoso e o propio Antonio Seoane. Outros dous heroes de Galicia e de España.
   Chameille pequeno fol de veleno ó innomeable felón de Ferrol. E acaso, e sen acaso, o propio fose chamarlle sapo frustrado. Porque o que desde mocete quería el era ser infante, e se quixo entrar na carreira militar tivo que entrar de pistolo; pois de cintura para riba daba a talla raspada, pero é que de cintura para baixo nin a talla raspada daba. E, para máis, era tal a súa asimetría física e tan pouco dotado estaba de voz de mando que o propio cabrón de Queipo de Llano adoitaba chamarlle Paca la Culona por detrás.
    Acaso esta frustración explique en parte o lema seu de ¡morto o can, acabouse a rabia! Pero con aqueles tres asasinatos de Fontao saíulle ó teimado xeneral o tiro pola culata. Porque Ponte de morto, en lugar de ir a menos, veu a máis. Veu a moito máis. Xa o dixen. Pero é igual. Quero repetilo e repítoo. Querían sementar o pánico na sociedade civil, e o pánico onde golpeou forte foi nos cuarteis da incivil Garda Civil e no propio Pazo do Pardo. Non se explicaban como centos de homes e de mulleres de todas as aldeas da comarca asistiron ó enterro de Ponte desafiando todos os perigos, a cara destapada ¡Qué saberían eles de estoicismo civil!
    E sendo certo que a guerrilla non foi quen a vencer á besta, en canto o novo movemento obreiro non se puxo en pé e botou a andar, a guerrilla foi o único facho que nos quitou noite ós descalzos, e o único lume da dignidade nacional e de clase. A guerrilla acabou derrotada. Claro. Cómo non ía acabar derrotada se os aliados optaron polos seus intereses de Estado e importoulles nada de nada o sapo de Portugal e o sapo de España. Mágoa non os fulminara un raio.
     A non poucos enchéselle agora a boca de loas á transición española. Pero ti ben ves, Ponte: a 68 anos de que as bandeiras da liberación ondeasen vitoriosas de Vladivostok a Andorra, vós, os que deches a cara por ela ata que vola partiron: comestos polo silencio. E nós, os descalzos, acosados a babor e a estribor polas preferentes e a corrupción. E que ninguén arrebole contra min agora o vocábulo demagogo en forma de fungueirazo: eu nin digo que todos os políticos sexan iguais nin que todos rouben, o que digo é que os que rouban son todos uns cabróns. E que con un que haxa, sobra.   
    E agora, camarada Ponte, fareiche dúas confidencias. Unha é que é a propia especie a que necesita coma o aire que respira enxugarvos a vos e enxugarse ela de vez da mala baba que vos denigra e nos denigra. E outra é que en canto os vosos nomes non entren con todas as da lei en letras douradas nos libros de texto, ninguén ten dereito a sacar peito. E porque ben sei que ti non propendes a empoleirarte, unha derradeira confidencia che farei: ningún dos supostos pais da transición e ningún dos ministros que houbo ata hoxe che chegan a ti ós nortellos. Non nos queda outra, pois, camarada Ponte: hai que botar do poder ós mediocres e ós ladróns, e poñer a coidar o de todos ós máis honrados. E despois de poñer ós máis honrados, non quitarlles ollo, por se as moscas. Mágoa de escrache xeral que acabe con todos os ladróns no cárcere.                          
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario