xoves, 13 de novembro de 2014

FORON HOMES E MULLERES OURO EN PANO







FORON HOMES E MULLERES OURO EN PANO


Artigo de:


Xesús Redondo Abuín


 


Dicir Gayoso, Seoane, Ponte, Piloto, Manuela Sánchez ou dicir guerrilleiros e guerrilleiras de Galicia e de España é dicir dignidade nacional e de clase; é dicir heroes de Galicia e de España; é dicir caídos pola liberdade; que a transición non empeza nos Pactos da Moncloa; non señor: empeza nestes homes e mulleres que deron canto eran e canto tiñan por pararlle os pés ós liberticidas; si señor: a transición empeza en elas e en eles; e non rematará ata que todas elas e todos eles non sexan enxugados e enxugadas das tebras que os velan e os desvelan; urxe, pois, atopalas e atopalos e declaralos e declaralas portadoras e portadores dos máis nobres valores da especie. Eles e elas xa nada precisan. Pero a democracia pide a gritos cauterizar esa ferida. Mentres non se cauterice esa ferida e mentres os torturadores Muñecas e Wil el Niño campen ás súas anchas por aí, a democracia non poderá telas todas consigo. E se así de claro é, así de claro debe dicirse.


Marcos Ana di, fártase de dicilo, que el non ten reproches para ninguén. Coas que lle fixeron a el. E dío incluíndo adrede a todos cantos  vestiron a Galicia e a España de crespón e de cera. Nin sequera ten reproches para os bárbaros que o emparedaron a el 22 anos arreo. Di que nin para eses ten reproches el.


Eu, sen embargo, teño a certeza de que por imperativo de profilaxe cívica, hai que telos. Porque o pavoroso onte, cóllase por onde se colla, doe. El mesmo, con ser estoico como é, confesa sen adornos que chegou a saberlle a patio o seu corazón. E non é para menos. 22 anos arreo preso non é para menos. Para que o seu nobre corazón non lle houbese sabido a patio tería que telo tido de ferro.


Si, está ben, está moi ben postular o non rancor. Cómo non. Pero con un ollo posto no mañá e outro posto no onte e no antonte. Porque o que pasou aquí onte e antonte foi que houbo un millón de mortos, medio millón de exilios e tres millóns de presos e de presas. A transición esta de nunca acabar custounos á infantería rasa un ollo da cara.


E o peor é que non está escrito en ningures hoxe por hoxe que os mesmos de onte non volvan pensar que volver ás andadas lles pode saír outra vez a prezo de ganga. Pode suceder. Ben se veu con Tejero o 23F e ben volveu verse recentemente como un militar de alto rango gabou a figura do fundador de Falanxe na propias barbas do Ministro Morenés sen que este dixese nin esta boca é miña.


¡Ollo, pois, con eses militares e con eses ministros! Mirar cara diante si. Claro que si. Reconciliación tamén. Claro que tamén. Pero non quitándolle ollo ós que onte ensanguentaron os dereitos humanos, todos os dereitos humanos, e fixeron que toda a friaxe do mundo se arremuiñase en Galicia e en España por cunetas, fosas, sacas, tiros na caluga e fusilamentos masivos sen sequera simulacro de xuízo rápido.


Foron 40 anos de barbarie. E detrás de cada barbaridade había bárbaros e bárbaras. Ós que hai que reprocharlles as súas barbaridades. Eu digo que non hai nada máis humano que reprochárllelo. Eu repróchollo. Repróchollo porque a min as hostias dóenme como se mas metesen hoxe. Non e non, non me da a gana de non ter reproches para o torturador Melitón Manzanas e para o bárbaro Ministro Antonio de Uriol y Urquijo, que me perpetraron ambos en comandita en 1967 un ano de secuestro no escuro alboio dun cuartel militar sen sequera instrución de causa. Non e non, non me da a gana de non ter reproches para o bárbaro Comandante Angel Díaz Otero Arias, que me pegou un tiro a queimarroupa o 15 de setembro de 1968 polo mero feito de opoñerme pacificamente a unha estafa salarial perpetrada contra 33 traballadores pola empresa SATRA. Non e non, non me da a gana de non ter reproches para esta democracia que se obstina en manter sementados en ignotos barrancos a aqueles e aquelas que preferiron morrer ergueitos a vivir coma gando. Memoria, señoras e señores, memoria.


E ós que din que máis vale non recordar o pasado porque nos dous bandos houbo barbaridades, que as houbo, hai que recordarlles que as que houbo no bando republicano foron en defensa da legalidade democrática e as que houbo no bando dos sublevados foron contra toda lexitimidade. Os desaparecidos e desaparecidas son unha afronta á especie. Urxe rescatar a todas elas e a todos eles das mestas tebras que os denigran e nos denigran, aínda que non sexa máis que para dicirlles: fostes e sodes homes e mulleres ouro en pano, grazas, moitas grazas por todo, camaradas.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario