martes, 16 de setembro de 2014

Pucheirazo Habemus




Pucheirazo Habemus
Teo Cardalda F.
 

Todo semella sinalar, segundo o goberno e reflectido nos xornais, que o PP está disposto a modificar a lei electoral municipal. Ou sexa, prepara un “pucheirazo” electoral para manterse no poder, que a minoría domine á maioría xa que están en xogo o desarme desas redes caciquís que teñen instaladas desde fai décadas. Feita a lei feita a trampa, pois segundo a forma de facer esa lei, condiciona o resultado.

A vicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría en roda de prensa, saíu dicindo que esta lei é unha rexeneración da democracia, non sei se o dixo de coña mariñeira ou pode ser outra mentira máis das que levan dicindo, Tamén pode ser que sexa unha volta ao pasado daquela “ democracia orgánica” de triste lembranza.

Estamos ante outra volta de parafuso, un ataque máis á liña de flotación deste barco xa tocado co rol de “democracia”, sendo o obxectivo de asegurar o poder municipal para seguir mantendo o seu programa de reformas cavernícolas e regresivas.

Estes corsarios da “política” farán todo o que atopen nas  súas mans para manterse no poder e aqueles que o toleran, que llo permitan, serán cómplices desta infamia.

Mentres non se reforme a lei electoral, cun sistema máis proporcional, máis xusto, unha persoa un voto, poderán chamalo como queiran, pero democracia desde logo que non o é. Un estado nunca pode ser democrático, cando no seu sistema electoral todos os votos non teñan o mesmo valor. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario