mércores, 29 de xaneiro de 2014

Un pleno con tenaces

Un pleno con tenaces
    teodomiro_cardalda_fdez_0
Teo Cardalda F.
Por veces resulta moi difícil escoller un tema para poder escribir. As novas que nos deixan os xornais son tantas cada día e indignantes que se vivira D. Ramón del Valle-Inclán non daría abondo cos esperpentos. O acontecido onte no Concello de Vilagarcía asemella á primeira obra esperpéntica do autor de Vilanova :“Tirano Banderas”.
untitledO Sr. Alcalde tomou a medida de restrinxir as mocións da oposición. Ante isto, tódolos grupos protestaron con diferentes e duras actuacións. O Sr. Alcalde con esta conducta crese o dono de Vilagarcía como a súa finca e nós os seus servos. Non me sorprende nada cada un dos seus actos e decisións.
Do filósofo grego Platón recollín unha frase que lle vai moi ben ao noso primeiro mandatario: “Un home que non arrisca nada polas súas ideas, ou non valen nada as súas ideas, ou non vale nada como home”. A democracia non só consiste en votar cada catro anos; tamén consiste en debater todo aquilo que afecta á cidadanía no seu conxunto global en toda a lexislatura. A democracia faise día a día, escoitando e debatendo con tódolos concelleiros da oposición que representan a milleiros de cidadáns. Un político que téñase como tal, cunhas mínimas inquietudes e sentido común non vai debater “o sexo dos anxos”, o teño moi claro, iso queda para o Ministro do Interior que lle rogou á Santa Teresa de Jesús que nos arranxe os problemas que temos (graves) deste país.
untitleOs debates sempre enriquecen a política en beneficio do pobo. Cando non se debate é porque non existen ideas, aplicando a “censura” e as “tenaces”,  usando a razón da forza e non a forza da razón, sacando esas cavernícolas  ideas que xa quedaron moi lonxe no tempo e que intentan recuperar aquela “longa noite de pedra”.
Este goberno de Vilagarcía está facendo un dano irreparable á imaxe desta cidade. Unha situación vergoñenta que dana toda credibilidade. Un equipo de goberno centrado no seu propio embigo, unha fuxida a unha meta que non ten fin, cunha política sen ideas pero mercantilista.
Artigo publicado en Diario de Arousa e Galicia Dixital

Ningún comentario:

Publicar un comentario