martes, 29 de xaneiro de 2013

Un Zarangalleiro Pleno

 
 

Desde o Preguntoiro

Un Zarangalleiro Pleno
Teo Cardalda F.
     Hai unha morea de tempo que non asisto a un pleno no Concello de Vilagarcía, quizais dous anos ou tres, no o sei fixamente. Desde que deixara como presidente da AA.VV de Vilaxoán, a miña asistencia foi case nula. Onte déuseme por asistir e quedei abraiado do estarrecemento que sentín ante tanta mediocridade política por parte do equipo de goberno. O digo con coñecemento de causa por ter asistido moitos anos a plenos onde o debate político era o “alma mater”da política municipal. Sendo os debates un dos alicerces máis importantes para o enriquecemento das ideas e dos proxectos que se poidan acometer en favor da cidadanía.
Foto de Diario de Arousa
    Escoitar a algúns concelleiros de goberno a preguntas da oposición deume unha sensación de que estaba ante uns charramangueiros con algúns “tics” de chufóns. Sempre as respostas eran escapar polos “cerros de Úbeda” e sen ningún resultado positivo, rematando case sempre que non hai cartos e poñer cambadelas a todo aquilo que a oposición intenta debater con ideas e propostas razoables.
   Para rematala, o concelleiro Sr. Cholo Dorgambide comenta un pouco alporizado emporcallando o pleno: “hablo en castellano cuando quiero y gallego cuando me sale de los puntos suspensivos”. Neste intre levanteime da cadeira e fuxín rexeitando esa mediocridade e falta de educación, cheguei inclusive a sentir vergoña allea. Foi unha falta de respecto aos nosos antergos, aos membros da oposición e ao público asistente.
    Cando non se debate ideas, cando falan os que gobernan derivando só polo crematístico onde a brillantez do contrario provoca receo, a creatividade é marxinada e a independencia a castigan, é como ir ao cortello a matalas todas.
    A impotencia, a nula capacidade política permite que a mediocridade deste goberno convértase nun esperpento valleinclaniano. Cando non entran nun debate construtivo chegando ata o insulto ao idioma galego. Cando se usa a razón da forza e non a forza da razón, lémbrame aqueles espantallos plenos daquela “Longa Noite de Pedra”, como dicía o poeta.
 
Publicado en Diario de Arousa e Galicia Dixital.
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario