Ciclogénesis
Corrupta
Teo Cardalda F.
Hai unha morea de anos
os mariñeiros do meu pobo cando en inverno chegaba o mar ata dentro
do pobo por mor do vento chamábanlle temporal, hoxe “finamente”
lle chaman “ciclogénesis”, son estes fervellasverzas que trocan
o sentido do real por algo que non ten sentido.
Por iso seguindo ese
novo vocabulario o que está a pasar no interior do PP co caso
Bárcenas, no deixa de ser unha “ciclogénesis” corrupta. Os
secretos deixaron de selo e xa son a berros. Non encanto, o Sr.
Rajoy fala de facer unha auditoría e os demais altos cargos do PP
(en especial a Sra. Cospedal ) falan de "A mí no me consta".
Unha auditoría a quen e a que. ¿a caixa B?. Iso é como facer un
cachifallo.
O feito de que o Sr.
Presidente diga que fará unha auditoría das contas do partido (por
mor da corrupción) xa é motivo de dimisións en calquera democracia
do mundo occidental, porén, vivimos en Españistán e iso é como un
carafuncho emporcallado que levamos desde hai moitos anos.
De confirmarse como
parece, a veracidade destes carmeiráns, estaríamos falando de
prácticas mafiosas semellantes ás de Al Capone no Chicago dos anos
30. Manda carallo na Habana, ou sexa, mentres o Sr. Rajoy e os seus
furricallos do PP non deixan de pedirnos máis sacrificios con todos
eses impostos, copagos sanitarios, privatización da sanidade e
ensino e máis recortes; eles non deixan de repartirse dez mil euros
cada mes. ¿E eses son os que vannos sacar da crise-estafa?.
Como imos a crer do que
digan, se o mesmo Presidente xurou ante a Biblia e a todo o que lle
puxeran por diante o seu programa electoral, estafando a todo un
pobo facendo todo o contrario. Unha posibilidade que teñen de
saír con ben desta fedorenta barafunda é que, a Sra. Ministra
Fátima Báñez lle pida á virxe do Rocío “templanza” e que
lle faga un agasallo dunha medalla de ouro pagada co diñeiro dos
contribuíntes. Se a Virxe alporízase e rexeita a medalla é que son
corruptos, e se acepta é que so uns “bos nenos”. Que fai o
Fiscal Xeneral do estado ante tanta podremia .¿ Está de vacacións?.
Publicado en Diario de Arousa e Galicia Dixital
Ningún comentario:
Publicar un comentario