Amosando publicacións coa etiqueta mariano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mariano. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de maio de 2017




SECUESTRO DA DEMOCRACIA


“Unha conversación entre o expresidente da Comunidad de Madrid Ignacio González e o exministro Eduardo Zaplana revelaría que Mariano Rajoy foi chantaxeado por Xullo Ariza “exdiputado autonómico do PP e presidente de Intereconomía” cun vídeo no que un empresario confesaba que dera diñeiro ao extesoreiro do partido Álvaro Lapuerta. O empresario, segundo informa O Español, é Rafael Palencia, exdirectivo de Degremont Iberia".




Este partido, o PP, incluído o seu Goberno é un auténtico cortello podredoiro de corrupción: ter implicados na trama criminal (cualificación feita polos xuíces) ás máis altas institucións do Estado, Goberno, Fiscalía, grandes empresarios, policía política, altos funcionarios, etc., nin ten precedentes en España, nin creo que no mundo.
.¡Tremendo! ¿E isto non require unha moción de censura? É a única maneira de sacalos da cova.
Porén, temos a outro responsable do que está acontecendo como é o PSOE que ata non quere apoiar a moción de censura. ¿Que carallo queren ocultar?
E este presidente do goberno español que está de merda ata as orellas, iso o sabiamos todos os cidadáns decentes deste país, a súa actitude déixao ben claro, cando se ten a conciencia tranquila un fala con naturalidade e seguridade, se tentan ocultar ao presidente é que algo ten que ocultar.
Pura Mafia. Saquearon e espoliaron todo o Estado e o peor, destruíron a posibilidade de que haxa Xustiza negociando postos con xuíces e fiscais.
E agora a declarar por “Plasma”. Manda carallo na Habana. Secuestraron a democracia.
Temos que chimpalos fora do goberno a estes farrapos escachapiollos, sacar este abafamento que podrece o país e que non sigan escangallándoo máis.  

venres, 9 de setembro de 2016



Desde o Preguntoiro:
Os Lampantíns e os Cara Lavadas
Teo Cardalda F.

  Agora con esta escenificación teatral do pacto entre PP e Ciudadanos (a vella garda franquista cos seus cachorros) semellante a aquelas obras esperpénticas das que escribiu D. Ramón del Valle-Inclán. Puxeron en escena un acordo que xa estaba ensaiado de antemán fai unhas semanas, porén, para que tivera moito éxito esta obra, chamaron a todos os medios para presentala facendo fincapé en que era unha escenificación con actores de primeira liña e que sería aplaudida ata coas orellas polo grande público. Cousa que lendo o libreto ven sendo máis do mesmo, ou sexa, se non queres unha cunca de caldo tomas dúas, un plaxio.


   Botei de menos na presentación ao director ou directores desta obra teatral, cousa que me estrañou, xa que polo normal son os que dirixen o cotarro. Estou a falar deses directores xerifaltes do “Consejo Empresarial para la Competitividad” o IBEX 35 (Acciona, ACS, Banco Santander, BBVA, El Corte Inglés, Ferrovial, Grupo Planeta, Inditex, La Caixa, Iberdrola, Endesa, Repsol, Telefónica, etc.). Empresas que algunhas delas foron públicas e vendidas polo PSOE e PP no seu tempo, tendo unhas portas xiratorias nos seus consellos de administración onde entraron unha caterva de ex-políticos que da noxo escoitalos cando botan a lingua a pastar, falan de máis recortes nas medidas económicas e loita contra o “fraude laboral”.

   Manda carallo na Habana con estes voitres que falan de “fraude laboral”, cando algúns deles xamais emprenderon un negocio na súa vida, o digo por tratar de lembrar a quen foron adxudicadas as grandes empresas estatais nos gobernos de Felipe e Aznar, só é ollar as hemerotecas e sabemos quen son algúns destes escachapiollos das finanzas.
  
   Estes sempre igual, quérennos engaiolar, non pagan impostos e por riba o levan cru para paraísos fiscais e queren ter un exército de escravos e farrapos, levan as axudas do estado, teñen máis beneficios que nunca a costa de empobrecer á cidadanía, son como ratas faltas de empatía, cunhas arelas de cobiza para encher o bandullo e teñen a cara como o formigón . Os únicos que pagan os impostos nesta Españistán son os traballadores e a pequena e mediana empresa 

   Non sei se moitos están decatados que neste país dos esperpentos non temos grandes empresarios, só corruptores en connivencia cos políticos corruptos. Se queremos que este país funcione, temos que eliminar das institucións aos ladróns de luva branca que son niño de corrupción e de roubo continuo.

  Porén, os directores desta presentación teatral ante os medios por parte do PP e Ciudadanos, non estiveron nin se lles agarda, entre eles enténdense soamente con chuscar o ollo como beleigáns e lampantíns que son, e nós, os cidadáns do común, ollando desde o galiñeiro e patio de butacas os ensaios de como imos a esbroar en frangullas como pan de millo, e por riba moitos seguimos aplaudindo. Que siga a festa que vai boa e viva o viño.

Publicado en Galicia Dixital

domingo, 6 de decembro de 2015

A Bicha



Desde o Preguntoiro

A Bicha
 Teo Cardalda F.

Cada vez que vexo os xornais, as televisións dan gañas de fuxir ata Pernambuco e no volver aínda que te coman as serpes no Amazonas. Soamente ollar a eses mamporreiros da subcultura o Marhuenda e o Inda, dous esperpentos delirantes que fan apoloxía do indefendible.
Están a defender o de contar mentiras  tralará, imos a contar mentiras tralará, si, iso daquela antiga canción; o fan tan ben que ata eles mesmo crense as mentiras que din e que Mariano é ese grande estadista que necesita Europa.

As mentiras de Mariano e o PP son a mellor cousa que fixeron e fan. Agora están a falar que  ven a bicha, a santa compaña, todo aquilo que non sexa un goberno do PP vai ser un desastre, o caos ata o fin do mundo. Pois Sr. Mariano: eu quero que me ameacen as bichas, que sexa un desastre, o caos e o fin do mundo, máis do que fixeron de mal nestes catro anos, coido que sobrevivirei a ese Apocalipses que anuncia, pois o de larapetas, bodallocas e o que mellor saben facer nese partido. Non quero ese mundo de “yupis”, “jetas” e
podres por dentro, personaxes baldeiros de contido e valores éticos.
Son estes mesmos os que lle aplauden un discurso que si non le a “chuleta” remata falando do tempo en Meis.



A este home non lle teño medo, o que si me preocupa que  o saqueo que poida vir para este país  cunha dose máis aumentada. Ou sexa, outros catro anos marianos de destrución do público, privatización da sanidade e ensino a outros amiguetes, recortes, austeridade e remate do peto das pensións que xa leva máis da metade. Que conste que este Sr. De Pontevedra é a encarnación da mentira mesma.






martes, 20 de agosto de 2013

Mariano no rural.

Mariano no rural.
Por “O curmán do fervello”, enviado especial a Ribadumia.
Estaba eu botando contas dos diferentes descontos que sobre a miña nómina está a aplicar o goberno do Partido Popular que encabeza Mariano Rajoy, cando o director deste blog chamoume a cobro revertido:
Anda, ponte firme e marcha a Ribadumia para darnos noticias quentes sobre a chegada de Mariano a esas terras”.
Rajoy en O Salnés /Eu non acreditaba. “Quentes? Pero agora, qué somos, Ineterviú?”. “E as dietas, qué?”, dixen un chisco mosqueado. “Dietas? Dis dietas? Vicio é o que tes”, foi todo o que logrei apañar.
Así que collín o ordenata e consultei cómo chegar a Ribadumia. Bon, o certo é que primeiro de todo, consultei cómo se di Ribadumia en castelán e, miren vostedes, dixe igual, así que Mariano pode estar tranquilo, que non quedará mal cando fale cos do lugar.
Despois mirei en Google “Autobuses Pontevedra a Ribadumia”, e case caio patrás cando apareceu na pantalla “Autobuses Cuiña”, la madre que me parió, xa está o difunto tocando as pelotas desde o alén, qué bonito, o alén.
Mais non. Seguín fozando e mira por donde aparece a web de “Destinia.com” que invita así deste xeito:
Reserva tus billetes de autobús a Ribadumia, provincia de Pontevedra (España). Tan sólo tienes que hacer click en la imagen inferior y accederás a nuestro buscador de billetes de autobús a Ribadumia y el resto del mundo. Destinia.com te ofrece las mejores ofertas para viajar a Ribadumia en autobús.
Non é por amolar, pero a día de hoxe non hai máis mundo ca Ribadumia, que, grazas a Mariano e aos monos do Peñón de Xibraltar, agora é un posible obxectivo militar da aviación británica ou dos comandos eses da súa Maxestade que matan en menos de nada.
Un pouco máis abaixo, na mesma páxina web, batín contra este apartado tan simpático:
Mariano Rajoy veranea ya en Galicia-0JUJ1056.jpg-
Vuelos a Ribadumia”? Iso sí que é mundial, total, e seguro que llo deben os veciños a Nené Barral, que anda o pobre en líos coa Xustiza por non ser como Bárcenas (“Luis, se fuerte”, decíalle Mariano nunha mensaxe que sacou á luz Pedro “Ojete” no seu xornal) e por non fumar en pipa, a quén se lle pasa pola cabeza carretar paquetes de “Camel” polo rural adiante como se a Santa Compaña gastara en labores de Tabacalera. Quero aclarar que cando escribo “Santa Compaña” non aludo, nen de pasada, a outro feliz home do lugar, coroado polo éxito: Rafel Louzán Abal.
Este home, polo que Mariano garda especial aprecio, en Estados Unidos sería negro como Obama e en Arxentina tería sofocos como a Presidenta... , non quero pensar qué acontecería se fora a Merkel en Alemania...
Vaiamos ao tema, temita, tema. O amigo Louzán xa era vicepresidente da Deputación de Pontevedra en 1996, en 2003 logrou sen presidente por primeira vez e aí leva este fenómeno até hoxe, mentres Nené Barral anda pagando os seus delictos.
E Zapatero, sen dimitir, e eu sen sacar o billete de autobús para Ribadumia porque a opción de voar en liña regular até alí non me saía a conta, tiña que facer escala en Moscú...
Ah, quedaba por ver “Foros sobre Ribadumia”: tate, premín e... tremenda oferta: “Tu viaje de novios desde 200 euros” e divorcio ao canto, colega.
En fin, pasei a ver “Hoteles en Ribadumia” e, normal, estaba visto, o establecemento onde mora a familia Rajoy non aparece. Chámase “A Casa de Alicia”, e, tal e como está mandado, fun consultar a web e tirei esta información de capital importancia para vostedes e todo de balde:
  1. Aparece anunciada como “escapada rural”, e iso non cadra con Mariano, tan vilego, tan de toga e birrete, tan de Casino. Falando de casinos: este ano, e xa é o segundo, Mariano falta a cita imprescindible para todo PTV (Pontevedrés de Toda la Vida) que é o archicoñecido “Baile de Gala de La Peregrina”, no que as boas familias da cidade apresentan en sociedade os virgos machacados das fillas en idade de casar e traer fillos para Monseñor Antonio María Rouco Varela. O señores teñen que iren vestidos de smoking, se son paisanos, e se son milicos, pois uniforme de gala. As señoras e señoritas teñen que vestiren “traje de noche largo, entendiéndose por tal aquél que, como mínimo, cubra los tobillos”: claro, se levan o trapo aínda máis longo, caen ao chan seguro, porque o pisan, e alá vai a piñata de 300.000 pelas que pagou papá ou o amante.
  2. En “A Casa de Alicia” entran entre 1 e 6 persoas, o que indica que os seguratas e os machacas-solta-hostias do Presidente do Goberno non caben e durmen ao raso, ou en tenda de campaña.
  3. 1376432327119
    Mariano pagará 270 euros diarios por alugar toda a casa de Alicia, IVE incluido. Non podo asegurar se tamén papan alí o pequeno almorzo.
  4. Hai piscinita e semella que está limpita e non hai que bañarse co condón posto.
  5. Cada habitación, e hai tres, ten un nome: Alicia, naturalmente; Bea e Patricia. A que máis mola e a de Patricia, fíense de min.
  6. Hai un hórreo e unha alegre pendilla de patos vivos, e nas outras fotos que mirei aparecen garrafas de viño, non sei se queren decir algo con iso.
  7. Para chegaren alí, xa saben: Latitud 42.514660700000 - Longitud -8.757588300000
  8. Non aparecen opinións no apartado correspondente. Se queren facer chistes, non se priven, mais mellor vaian a un ciber...
  9. Para rematar, se queren hospedarse en “A Casa de Alicia” entre o 12 e o 26 de agosto, vaian pensando en alugarlle o piso que ten Mariano en “Sangenjo”, herdanza familiar, porque está todo, toito ocupado pola familia nuclear de Mariano e Elvira, “Viri” para as colegazas. Poden mirar un pouco máis arriba ou abaixo, a dereita ou a esquerda da estrada, pero, créanme, os locais de hospedaxe, alterne, copas e coloniais rebosan de picoletos en bermudas con bolsito (antes chamado “mariconera”) dando un cantazo total.
  10. Se gustan de andar, poden facerse os encontradizos con Mariano no camiño ese que leva a ermita, perdón, ao Mosteiro de Armenteira, destruido en tempos pola tremenda bandida galega de Nazón Pepa a Loba: non confundir con María Dolores de Cospedal.
Até outra mellorada.