DETERIORACIÓN DEMOCRÁTICA
Teo Cardalda F.
Ante os acontecementos políticos extremadamente graves para este
país, teño que dicir que, non soamente temos unha estafa económica, senón que, a
“democracia” vaise polos sumidoiros, ou sexa, unha crises de valores democráticos de consecuencias
imprevisibles.
Non podo crer a onde pode chegar a mentira e o cinismo da Delegada do
Goberno en Madrid Cristina Cifuentes, dicindo que na manifestación do sábado
15-S só había 65.000 persoas. Estiven alí e foi impresionante, falase de preto
dun millón de persoas. O que tiña que facer a Delegada era mobilizar a súa
policía para atopar ao seu marido Javier Aguilar que supuestamente está en busca
e captura e deixando de perseguir policialmente a cidadáns pola súa
ideoloxía.
Unha das reivindicacións da manifestación foi contra os recortes
impulsados polo goberno e participación nas decisións políticas se queremos
salvar a democracia, xa que neste intre o modelo de estado é inviable, estamos
arrodeados de nepotismo e corrupción imposto por unha oligarquía de partidos, en
especial ese bipartidismo que vimos padecendo desde hai anos que sempre
estiveron ao carón das oligarquías financeiras e poder xudicial.
Toda esa estafa financeira nada ten que ver cos soldos nin pensións
abondo altas, pois o 60 por cento dos traballadores en activo gaña menos que
1000 euros e a pensión media é de 785 euros, o 63 por cento da media de Europa. Non se pode permitir
por máis tempo esta desfeita da corrupción que minimiza a democracia. ¿Por qué
usouse o diñeiro dos españois (FROB) para salvar a banca en vez de agardar os
fondos de Europa?. A única razón posible sexa que os bancos non queren que EU
pescude as súas contas. Bancos que case están na bancarrota e seguen ríndose de
nós como se fóramos marionetas.
A onde chega o déficit democrático que teño que saber das novas de
España polo estranxeiro, pois a TVE aseméllase ao NODO.
Publicado en Diario de Arousa e
Galicia
Dixital