Outro pleno Charramangueiro.....
Teo Cardalda F.
Antonte asistimos a un pleno no concello de
Vilagarcía que non lembro na historia da “democracia”. Un pleno suspendido pola
provocación do Concelleiro de Cultura ante un esperpéntico razoamento do regulamento
das actividades culturais e diversas asociacións da cidade.

A democracia non soamente consiste en votar
cada catro anos, sacar maioría coa axuda dun Judas Escariote e ter patente de
corso. Non Sr. Alcalde, escoite: a democracia, por si non o sabe, faise día a
día, escoitando aos cidadáns aínda que estes respectan a voluntade das urnas,
onde por veces o pobo está na obriga de facer un exercicio de responsabilidade
ante a prepotencia do equipo de goberno que por veces impón negociar e sacar
adiante acordos que implican a cultura da cidade.
O equipo de Goberno do PP, está centrado no
seu propio embigo emprendendo unha fuxida a unha meta que non ten fin, empeñado
en sacar adiante un regulamento que só pensa nunha cultura mercantilista.
Seguen a mesma ruta que os seus cachifallos
de FAES, Moncloa e Xunta, destruíndo o país, intentado socavar a “democracia”
que vaise polos sumidoiros, como a auga que sae dunha billa a cachón.

Sr. Concelleiro, márchese dunha vez, porén,
aclare antes sen trolas os 150.000 euros subvencionados que recibiu a súa
asociación. Marche e non volva; súa foi a responsabilidade do charramangueiro e
suspendido pleno. Fixo un insulto á intelixencia da cidadanía provocando a
todos os que estaban na sá de plenos.